Opinión

Cuevillas e os curas galegos

Seguimos a falar da Igrexa de Galiza que, con honrosas excepcións, non é galega, e segue a resistirse a falar galego; aínda que os seus curas sexan maiormente nados en Galiza e –sobre todo os vellos– teñen o galego como lingua materna e fala cotiá entre eles. Pero hoxe quero falar da actitude a este respecto de Florentino Cuevillas, da Xeración Nós, xunto cos seus amigos do "cenáculo ourensán" Otero Pedrayo e Risco. O galeguismo foi para Don Floro "unha conmovedora revelación", dixo Don Ramón; e foi consecuente a morte. Por iso escribiu del Carvalho Calero: "Cuevillas atrae porque transparenta sinceridade idealismo" (Hª da Literatura Galega Contemporánea).

Ademais, o sentimento relixioso era un dos seus sinais de identidade: tiña "un sentido da existencia profundamente relixioso e ordenado a exaltación de Galicia" (Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas); era un "cristián aceso na piedade" (Otero, no Prologo de Cousas de Ourense de Cuevillas) e, curiosamente, tras veleidades de mocidade, esta acrecentouse coa súa conversión ao galeguismo. Como católico piadoso e respectuoso da Igrexa, Cuevillas queríalle aos curas, como ten manifestado en varios escritos (cf. o meu libro A xeración Nós. Galeguismo e relixión); pero sentía pena que non utilizaran o galego para predicar e rezar.

Foi moi amigo de Don Miguel-Anxo Araújo, ourensán coma el, que foi o meu bispo e honroume, tamén, coa súa amizade. Araújo ten escrito sobre Don Floro, de quen foi "confesor e confidente relixioso" coas propias palabras ("No primeiro centenario do nacemento de Cuevillas"). Cuevillas confesábase en galego e axudoulle ao mesmo Araújo a descubrir a importancia do galego na liturxia.  Nunha ocasión en que falaban sobre o feito de que os curas galegos non usaran o galego na igrexa, dille Don Floro: "Bueno coño, bueno, así se explica que non choiva a pesar das rogativas. Veñen as nubes, senten falar en castelán e dinse: estamos en Castela, e non baixan".

Pouco caso lle fixeron os curas ate hoxe! Que magoa!

Comentarios