Contracultura

David Miranda: "Intentamos facer proxectos que toquen temas vinculados co territorio ou coa economía social"

David Miranda, produtor, é unha das figuras detrás de Perspectiva Local, unha plataforma onde pór en valor o turismo local dos concellos galegos a través da mirada da veciñanza e das asociacións. Miranda fala do percorrido do proxecto desde os seus inicios até o que é agora e das consecuencias do modelo de turismo existente xa que, como el di, “as redes sociais están masificando os espazos para sacar unha foto e punto”.
O vigués David Miranda, imitando o selfie habitual nos convidados dos vídeos de 'Perspectiva Local'.
photo_camera O vigués David Miranda, imitando o selfie habitual nos convidados dos vídeos de 'Perspectiva Local'.

—Por que xorde Perspectiva Local?
Desde a nosa cooperativa audiovisual, Suseia Coop, intentamos facer proxectos que conteñan divulgación ou que toquen temas relacionados co territorio ou coa economía social. Entendemos que os medios de comunicación teñen que servir para isto, non para crear espectáculo puro e duro. Partindo disto, tiñamos en mente ver que podíamos facer para mudar a forma de facer turismo.

Por exemplo, cando visitamos as illas Cíes vimos que instalaran uns cadros nos que todo o mundo fai cola para sacarse unha foto, estando nunha illa marabillosa con moitos recursos que poden fotografarse. Ou o que ocorreu cos influencers bañándose nas minas de Neme. As redes sociais están masificando os espazos para sacar unha foto e punto. Temos un territorio moi rico e un patrimonio cultural grandísimo que moita xente non coñece. A nosa idea era que nos mostrasen un concello igual que cando te invita unha amizade, que pode levarte antes á praia á que ía coa súa familia que a visitar a praia das Catedrais ou a Catedral de Santiago. 

—Como se escollen os recunchos para mostrar?
Unha vez que xa tiñamos a idea, cadrou que saían unhas axudas da Deputación da Coruña así que nos presentamos coa idea de destinar eses cartos para a páxina web e a súa promoción e asumir nós a produción dos vídeos. Desde o comezo, estandarizamos que en cada vídeo falen tres persoas, escollendo un lugar cada unha, e que queríamos aproveitar para darlle visibilidade ao tecido asociativo de cada concello que traballara pola defensa da lingua ou do territorio. Tamén intentamos que, se falamos dun concello de costa, nos ofrezan espazos de interior e, se é interior, que se afasten do casco histórico.

Entón, nun primeiro momento contactamos con algunha asociación que estea activa na rede e explicamos todo isto e xa desde alí nos poñen en contacto con veciños de distintas parroquias. Vimos de traballar para a TVG e para Atresmedia e queremos levar a calidade da televisión ás redes sociais.

—Haberá vídeos de novos concellos proximamente?
Ao desenvolver este proxecto coa axuda da Deputación da Coruña, os concellos están limitados; o que nos interesa agora é que se una toda Galiza. Xa temos o compromiso do concello de Verín, O Carballiño e Ribadavia e gravaremos inmediatamente. O proxecto está vivo, mais si que nos atopamos con que non nos podemos centrar no financiamento institucional. Sempre primamos esta vía porque queriamos evitar que os lugares se viran afectados por intereses de parte dun negocio, o que ocorre é que son procesos moi lentos, aínda máis pola situación da pandemia. Agora mesmo estamos intentando dirixirnos cara a un modelo híbrido, buscando modelos de xestión mixtos e con fórmulas novas.

Estamos abertos a todo o que nos propoñan, por exemplo, cando investimos os cartos en promoción, unha parte foi nas redes de Orgullo Galego e ese mes xa nos contactaron moitas asociacións e veciños que descubriran o proxecto. O bo é que como xa hai unha promoción feita e uns resultados podemos garantir que cada vídeo vai ter 5.000 visitas e que as redes dos concellos poden conseguir un número determinado de seguidores.

Cando comezamos coidámonos moito de escoller concellos que fosen unha mostra representativa: vilas de 10.000 habitantes de costa, de 5.000 habitantes en interior, etc. Ao ter esta radiografía como experiencia piloto podemos presentalo. Algúns destes vídeos xa se poden ver na nosa web Perspectivalocal.gal e descubrir espazos naturais ou de gran valor patrimonial do noso territorio. 

Comentarios