Contracultura

David Mancuco: "A mitoloxía pode ser unha base de traballo asombrosa, como ocorre no anime ou no manga"

David Mancuco é o creador de Mitogali, un xogo de mesa pensado para difundir as figuras máis relevantes da mitoloxía popular galega que vén de ampliarse cunha segunda parte tras o éxito da primeira.
David Mancuco coas cartas do xogo en Alita Comics (Santiago). [Foto: Nós Diario]
photo_camera David Mancuco coas cartas do xogo en Alita Comics (Santiago). [Foto: Nós Diario]

—Que novidades incorpora esta segunda parte de Mitogali?
A primeira parte saíra en abril do ano pasado a raíz da miña actividade como animador sociocultural e de tempo libre. Cando buscabamos documentación para darlle unha temática ás actividades que facemos con rapazada comecei a valorar o tema da mitoloxía galega e, ao poñelo en práctica, deime de conta de que era un tema que chamaba moito a atención e do que ademais logo falaban nas súas casas. Xunto cunha compañeira teño a editorial Dornavela, polo que decidín publicar o xogo como unha forma de achegar a mitoloxía popular á xente. Creo que atopei un espazo que estaba baleiro, porque non había practicamente nada así e, sobre todo, nada dirixido á promoción da lingua galega.

Quedei moi sorprendido pola acollida que tivo e precisamente por esta foron diferentes profesionais de estabelecementos especializados quen me propuxeron sacar unha segunda parte. Así, cada unha das partes conta con 25 personaxes diferentes, de forma que se pode xogar só cun dos mazos ou mesturar ambos, e tamén teñen accións especiais diferentes, polo que as partidas están cheas de estratexia e poden chegar a durar até unha hora.

—Cal sería entón a dinámica?
Eu desenvolvín as normas do xogo en base á miña experiencia de rapaz, cando pasaba moito tempo con xogos de mesa, e pola vivencia que xa teño dinamizando actividades para a rapazada e as crianzas, o que tamén aporta moitas ferramentas. Quería facer un xogo de eliminación e tamén aportarlle unha serie de valores ás cartas.

Así, todas teñen un nivel de resistencia, igual para todas, e logo diferentes niveis de ataque, defensa e maxia, que van mudando en función de cada personaxe. Por exemplo, no Mitogali I temos unha meiga, cuxa maxia é de nivel dez, e un olláparo, que é dun nivel II, aínda que tamén ten máis forza de ataque. Tamén hai un dado que permite aumentar a forza ou a resistencia e as accións especiais que mencionaba antes. Por exemplo, no Mitogali II está a serea, que encanta unha carta do adversario de forma que queda retida até que esta morra, ou a lamia, que pode utilizar as cartas do adversario contra si mesmo. Nesta segunda parte tamén está a coca, que é unha carta moi especial xa que permite absorber a resistencia de dúas cartas que se retiren do xogo, volvéndose practicamente inmortal.

Introducir este tipo de variábeis parecíame unha boa maneira de coñecer os personaxes da nosa mitoloxía e o certo é que é un xogo que funciona moi ben con crianzas a partir dos oito ou nove anos en diante, incluíndo adolescentes e persoas adultas. 

—Precisamente nalgúns casos as figuras mitolóxicas están ligadas a un lugar, permitindo tamén facer actividades como excursións temáticas, non?
Claro, quizais ananos, trasnos e mouras son máis xerais, mais tamén temos outros como a témera, un híbrido entre león e morcego característica da zona de Ourense. Ademais, creo que é unha temática que se pode converter nunha base de traballo asombrosa. De feito, unha cousa que me gusta moito é como traballa o substrato cultural, o anime e o manga. A xente adoita crer que os personaxes que vemos en series tan coñecidas como Naruto ou Bóla de dragón son creacións contemporáneas e en realidade o que vemos está extraído da súa mitoloxía.

E inclusive, a mitoloxía non deixa de ser unha explicación a fenómenos que no seu momento non a tiñan, polo que tamén hai moitas ligazóns con outras culturas, como os seres que se presentan nas lendas escandinavas, nórdicas ou irlandesas. Por isto tamén sacamos unha carpeta, Galicia mítica, na que desenvolvemos as fichas de cada personaxe do xogo onde son eles quen falan sobre a súa vida persoal e a súa experiencia vital. Polo momento só está publicada a que fai referencia ao Mitogali I, mais xa estamos traballando na da segunda parte.

Comentarios