Culturgal convida a compartir responsabilidades na nova edición

Será a feira da “corresponsabilidade” e, por iso, a organización de Culturgal está a promover a participación das entidades e particulares nas tres convocatorias que teñen abertas, a de actividades, stands e a tenda da feira. A edición presentará como novidade unha entrada voluntaria para o público.  

Culturgal
photo_camera Culturgal

A entrada voluntaria, con prezo fixo, será unha das novidades do Culturgal do 2013. Na busca dunha maior “corresponsabilidade” social en tempos de crise e caída de axudas públicas, a organización optou por habilitar unha pequena contribución do público con carácter voluntario. Quen decida abonala converterase en persoa colaboradora da Feira, o que se poderá mostrar a través dun elemento identificador. 

A organización de Culturgal ten abertas neste momento tres convocatorias ás que tamén lle outorga especial relevancia, na busca do compromiso máis intenso dos sectores implicados na Feira. O xoves 3 de outubro remata o prazo para a presentación de proxectos e actividades para participar no Culturgal que terá lugar en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro. A “corresponsabilidade” é o concepto clave da nova edición do Culturgal e, deste xeito, a participación tanto de entidades como de artistas, asociacións ou particulares cobra nesta ocasión unha especial relevancia. 

Como espazo de divulgación de propostas da cultura actual, Culturgal ofrece o seu escaparate a iniciativas que queiran entrar a formar parte do seu programa de actividades. 

As propostas seleccionadas comporán o programa dunha Feira que quere ser centro non só do público interesado nas novidades do ámbito cultural senón tamén de profesionais, programadores ou público xeral. A organización da Feira valorará o feito de os proxectos se estrearen na Feira ou que sexan produto da colaboración entre empresas. As que formen parte da Asociación Culturgal ou contraten un stand tamén serán privilexiadas á hora da selección. 

Xestión da tenda

Até o día 6 de outubro está aberta a convocatoria do concurso para a xestión comercial da tenda de Culturgal 2013. A proposta canalízase a través da Federación de Libreiros de Galicia co fin de favorecer ás entidades que apostan durante todo o ano pola venda de produtos culturais galegos. A experiencia, ter participado en anteriores edicións, ser da contorna de Pontevedra ou dun colectivo de empresas son algúns dos valores que se terán en conta á hora de facer a selección. 

Até o día 20 de outubro está aberto o prazo para solicitar un posto nunha feira que se estruturará nas áreas de audiovisual e tecnoloxía, libro, música, artes escénicas e infantil.

Comentarios