Culturgal 2014, con entrada, gastrocultura e arte contemporánea

Aínda que se presenta oficialmente a sexta feira 21 de novembro, o Culturgal 2014 xa revelou moitas das claves e actividades da edición 2014, que se desenvolve os días 5, 6 e 7 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Caxade
photo_camera Caxade

Será a primeira edición na que haberá que pagar entrada despois do ensaio do pasado ano coa entrada voluntaria e corresponsable. A entrada para persoas adultas terá un prezo de 2 euros e os menores de 12, 1 euro. A organización pensou tamén naqueles que visitan a Feira os tres días polo que habilita un bono de 3 euros para poder acceder ao recinto cantas veces se queira.  

Esta semana ademais rematou a votación on line para escoller o Premio do Público 2014, sendo o gañador o programa radiofónico Diario Cultural, que competía na querencia dos internaturas co Cineuropa e o Salón de Cómic "Viñetas desde o Atlántico". Ana Romaní, directora do programa de radio, recollerá o diploma acreditativo nun acto festivo que terá lugar o domingo 7 de decembro ás 17h no marco da Feira. Ademais o Diario Cultural emitirase en directo desde a Feira a sexta feira 5. Non será o único espazo de radio que se achegue ao Culturgal; ese mesmo día José Miguel López traerá o Discópolis de Radio 3 a Pontevedra e o sábado 6 será o equipo de Somos Quen (Radio Galega) o que emita en directo desde o Pazo da Cultura.

Máis de 130 actividades

A gastrocultura estará representada en varias actividades e presentacións de proxectos, dentro dun programa de máis de 130 actividades durante os tres días. Será posible achegarnos ao novo proxecto de Guadi Galego da man da discográfica Fol Música e, aínda que sexa a súa faceta menos coñecida, ver como canta e toca a guitarra o cociñeiro Pepe Solla. O Grupo Nove, ao que el pertence, presentará o seu libro sobre a nova cociña galega. No terreo do libro, as editoriais presentarán novedades e os seus títulos destacados do ano e no apartado audiovisual repetirase maratón webseries e haberá oportunidade de ver os filmes Encallados, Costa da Morte e A Esmorga, esta última con posterior cea temática previa reserva.

Ao redor de 70 expositores danse cita nunha Feira que chega a súa sétima edición e pola que o pasado ano pasaron 15.000 persoas. A noite do sábado 6 está reservada para un proxecto especial, o que está a desenvolver Caxade coa Banda de Música de Bandeira. Sesenta músicos no escenario para orquestra o celebrado disco A dança dos Moscas. As entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 10 euros.

Comentarios