Cruceiros de Ribadumia

A pedra cobra protagonismo na arte do Salnés.
Detalles do Cruceiro da Escusa, localizado na parroquia de Barrantes, en Ribadumia (O Salnés) (Foto: Antonio Parada).
photo_camera Detalles do Cruceiro da Escusa, localizado na parroquia de Barrantes, en Ribadumia (O Salnés) (Foto: Antonio Parada).

En Ribadumia (O Salnés) existe unha marcada  tradición de cruceiros, elementos escultóricos labrados  en pedra que predominan na paisaxe galega desde hai séculos. 
Os cruceiros constan de tres partes: unha base, un fuste e un chapitel. Todos presentan un estilo propio, que na maior parte dos casos se traduce en variacións da ornamentación dalgunha das partes a respecto doutros exemplares.

Os cruceiros representan todo tipo de bíblicas e personaxes vencellados á fe: virxes, cristos xacentes, sacerdotes, santos e santas, persoas eclesiásticas...
No concello de Ribadumia  existen numerosos exemplos de elementos escultóricos como os cruceiros, labrados en distintos tipos de pedra.

O cruceiro da Escusa é un dos máis coñecidos. Localízase na parroquia de Barrantes, nunha pequena praza. Esta talla de granito levántase sobre unha escalinata de tres chanzos. Está formado por tres niveis. No primeiro represéntanse dúas figuras, unha masculina e outra feminina. 

No segundo andar aparece Santiago portando unha vara de peregrino arroupado por unha sorte de túnica. O santo está representado coa cuncha que simboliza as peregrinacións.

O nivel superior está coroado por dúas pequenas estatuas: por un lado atópase Cristo crucificado, e no outro a Virxe, xusto enriba do chapitel de orde corintia que remata o fuste.

A complexidade deste cruceiro podería sinalar a importancia do lugar no que se atopa por algún feito histórico relevante.

Outro cruceiro que presenta profusa decoración é o coñecido como a devoción de Agostiño Durán. Esta obra data de 1916 e representa varias figuras ao longo do seu fuste.
Entre os máis de 50 cruceiros distribuídos polas parroquias de Ribadumia, tamén se pode destacar o cruceiro do Rial. Esta peza é máis sinxela que outras posto que presenta un aspecto austero remarcado polo fuste de base cuadrangular, mais tamén ten un gran valor escultórico.

Na parroquia de Leiro, no pazo Quinteiro da Cruz, existen tres cruceiros de estilo semellante. Entre as súas características pódese destacar a perfección técnica das súas figuras.

Comentarios