Máis

Patrimonio pétreo

Os cruceiros da beira do río Xallas.
Cruceiro de Santiago, na parroquia de Arcos, no concello de Mazaricos. (Foto: Mar López)
photo_camera Cruceiro de Santiago, na parroquia de Arcos, no concello de Mazaricos. (Foto: Mar López)

"Eentón, enfiei os ollos e o pensamento cara a un aspecto da arte popular aínda non encetado por ninguén: os cruceiros galegos. Descubrín nos cruceiros un aspecto da nosa arte popular aínda non estimado como cousa importante. E velaí o que máis me importou". Así escribía Castelao na introdución do libro As cruces de Pedra na Galiza, un estudo no que describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos, e tamén doutras cruces de pedra.

E é que os cruceiros son un dos elementos arquitectónicos máis tradicionais da Galiza. Só en Mazaricos (comarca do Xallas) cóntanse na actualidade arredor de 50 exemplares, aos que hai que sumar, por unha parte os cruceiros que xa non existen e, por outra, un bo número das chamadas "cruces altas", as que carecen de figuras, imaxes e das características bases sobre as que se asentan os cruceiros.

Tamén en Santa Comba o propio Executivo local ten contabilizados arredor de 30 cruceiros que existen a día de hoxe, aos que engadiríamos outras 25 cruces e 14 cruces e cruceiros dos que se teñen indicios da súa existencia mais que, na actualidade, están desaparecidos das súas localizacións orixinais.

Constátase así unha elevada concentración de cruceiros e cruces na comarca do Xallas, mostra da importancia que estas construcións tiñan para a veciñanza: non só lugares de culto ou fitos xeográficos que marcaban un lugar, senón sinais de identidade das aldeas e das parroquias e puntos de encontro e de referencia na vida diaria da xente da aldea.

Entre eles, o cruceiro de Santiago, na parroquia mazaricá de Arcos, que se impón no centro do adro da igrexa rodeado de catro cruces, formando un conxunto especialmente peculiar, un balcón con vistas ao encoro de Santa Uxía, en Dumbría, na comarca veciña de Fisterra.

Ou en Santa Comba, o cruceiro do campo da festa da parroquia de Xallas de Castriz eríxese no medio do torreiro mostrando as imaxes de San Pedro, Santiago Peregrino, María e a dunha mártir, todas elas talladas en granito, rocha tamén máis frecuente para a elaboración destes ornamentos.

A listaxe de cruceiros é, no Xallas amplísima, e na Galiza, case que infinda.

Comentarios