Máis

Os cruceiros de Mondoñedo

Os pétreos gardiáns dos vales mindonienses.
O cruceiro de Lamela (O Burgo, Mondoñedo) avisa dos perigos do bosque e 'protexe' aos camiñantes. (Foto: GPAP)
photo_camera O cruceiro de Lamela (O Burgo, Mondoñedo) avisa dos perigos do bosque e 'protexe' aos camiñantes. (Foto: GPAP)

A capital dunha das sete provincias históricas do Reino da Galiza, Mondoñedo (A Mariña), supón a transición entre os vales e prados da Terra Chá e os chaos e cantís da Mariña. Este concello alberga 24 cruceiros dispersos polos distintos núcleos de poboación. Con tantos elementos patrimoniais por visitar, un bo punto de partida para achegarse aos cruceiros mindonienses é no límite coa Pastoriza, no Alto do Fiouco. Alí, un cruceiro tellado a modo de capela fai de 'marco' entre concellos. A diferenza do que poida parecer, este cruceiro do século XIX é froito de dous veciños, un de cada concello, que acordaron a súa construción para protexer a zona da potente néboa e a desagradábel xistra.

Nel atopamos unha representación da Paixón de Cristo e ao seu carón, os patróns das aldeas natais dos seus artífices, San Bartolo (Cadavedo) e San Pedro (Argomoso). Lugar senlleiro para moitos e moitas, no tempo pasado, este era o lugar onde o equipo de fútbol de Mondoñedo peregrinaba en caso de éxito deportivo.

Na rúa San Lázaro atópase o cruceiro homónimo. Feito con pedra de cantaría nos remates do século XIX, encóntrase entre a estrada, para dar 'amparo' a quen viaxe, e un rego do mesmo nome da rúa. Relativamente perto, o Cristo de Vilaverde encumbra o cruceiro do lugar de Pedrido. O seu altar, a diferenza doutros, está formado por pedras, o que supón un menor impacto visual ao respecto da súa contorna. Pódese destacar tamén o cruceiro de Centeás, no barrio homónimo, do 1928 e cunha cruz sinxela e unha representación da Paixón de Cristo. Foi obxecto de roubo e logo foi recuperado.

Engadir á listaxe outros cruceiros como o de Lamela, perto da aldea do Burgo, de 1901, e cun Cristo crucificado, feito para 'protexer' os camiñantes nos bosques (unha caveira avisa dos perigos da zona). Tamén o cruceiro de Xercido, nos Allares, cun Cristo custodiado polas dúas caras ou o cruceiro da Capela do Camiño, cara ao barrio de Zoñán, que ten una estrutura distinta aos xa antes mencionados, a Virxe María debaixo dun fuste figurado que é rematado por Cristo. Sería inxusto dicir que calquera dos outros cruceiros non mencionados non son lugares de interese, polo que se invita tamén achegarse a calquera destes.

Comentarios