venres 24/09/21

'Unha educación', o best-séller de Tara Westover, chega ao galego

A aclamada novela da escritora Tara Westover (Idaho, 1986), 'Unha educación', non deixou indiferente a ninguén que a ela se achegara. Na obra, a autora narra as súas propias memorias, desde a infancia no seo dunha familia survivalista, sen pisar a escola, até doutorarse en Cambridge. Agora chega ao galego da man de Hércules.
A escritora Tara Westover recibiu numerosos galardóns grazas á súa primeira novela, 'Unha educación', na que narra as súas memorias (Foto: Paul Stuart / Penguin).
A escritora Tara Westover recibiu numerosos galardóns grazas á súa primeira novela, 'Unha educación', na que narra as súas memorias (Foto: Paul Stuart / Penguin).

A familia é, en non poucas ocasións, a primeira institución opresiva. Algo que choca frontalmente co seu propio significado, con todo o que proxectamos sobre ela e incluso con aquilo que dela agardamos: protección, coidados, educación. 

A historia de Tara Westover (Idaho, 1986) é ben significativa deste feito. Ela era a menor de sete irmáns dunha familia survivalista instalada á sombra dunha montaña nun recuncho mormón de Idaho, nos EUA. Nesta contorna, completamente illada e alienante, Westover criouse sen pisar durante a súa infancia nin unha escola nin un hospital. Lonxe diso, ela mais os seus sete irmáns traballaban co pai. Súa nai era curandeira e única parteira da zona. Xuntos preparábanse para a chegada da fin do mundo, para a apocalipse, aquel chamado "efecto 2000".

Unha educación foi un éxito internacional, traducido a ducias de linguas, e o feito de que tamén estea en galego para min era algo importante

Ela tiña 17 anos a primeira vez que entrou nunha escola. Agora, a editorial Hércules vén de publicar por primeira vez en galego Unha educación, a novela na que Westover relata a través das súas propias lembranzas a súa infancia privada de ir ao colexio pola súa familia e como decide abandonala para modificar o seu destino até o punto de conseguir doutorarse pola Universidade de Cambridge

"Cando lin a novela, en versión orixinal, fascinoume", comenta a súa editora, Laura Rodríguez Herrera, para Nós Diario, así que "propuxen o proxecto e saíu adiante co apoio de Hércules". "O feito de ser unha editorial independente, de poder desenvolver os traballos que, neste caso, eu quero, permite apostar por este tipo de literaturas" máis frescas e actuais, en diálogo con outras culturas. Neste caso, a novela "Unha educación foi un éxito internacional, traducido a ducias de linguas, e o feito de que tamén estea en galego para min era algo importante", prosegue, porque "dalgún modo, garantía que era unha aposta firme por unha obra con calidade". 

Un canto á educación e á liberdade de ser 

En Unha educación Westover narra unha infancia feliz e dura; por veces, incluso brutal. Mais a cerna da novela concéntrase arredor dunha reflexión: como a educación a converteu noutra persoa. Unha mudanza non gratuíta, que a levou a perder boa parte da súa familia. "A educación sempre debe ser unha expansión da túa mente", escribe a autora, e "debería servir máis para expor preguntas que para afianzar certezas". Esta cuestión vai abrollando ao longo da narrativa até mostrar que tan extrema foi a educación da protagonista. "Que a realidade supera á ficción, neste caso, é unha certeza", valora Rodríguez Herrera. "A súa propia vivencia é algo que até resulta exótica para nós", explica, "porque ademais Westover é moi nova". Non obstante, alén desa historia persoal, "que ten o seu interese", "o que chama a atención é a loita entre o que nos aprenderon de crianzas e o que queremos ser en realidade", "como moitas veces temos que cuestionarnos" a nós mesmas, engade a editora. 

Estudar era para ela pasar as follas do libro de matemáticas

Nesta novela nárrase un caso "moi extremo" porque a autora ten unha vida "moi diferente á normal: o feito mesmo de non ir á escola, a un médico… de non estar rexistrada… son cousas que parecen incríbeis", a día de hoxe, na nosa sociedade. "Estudar era para ela pasar as follas do libro de matemáticas". 

Na actualidade, Tara Westover vive en Londres, vai ao médico e ten un doutoramento de Cambridge e unha bolsa na Universidade de Harvard. "A ese proceso de formación dun eu novo pódeselle chamar de moitas maneiras. Transformación. Metamorfose. Deslealdade. Traizón. Eu chámolle educación", conclúe a escritora en Unha educación.

Trátase dunha "historia de superación e, sobre todo, da enorme importancia da educación na vida dunha persoa", comenta Rodríguez Herrera. "Como remata o libro é realmente precioso", afirma.

Desde Idaho até a Galiza, a tradución de autoras novas

"É un orgullo editar libros en galego de autoras e autores contemporáneos que están a triunfar en todo o mundo", comenta Laura Rodríguez Herrera, e engade: "O feito de traducir unha obra actual, totalmente vixente, que se está comentando, é unha satisfacción moi grande". E máis aínda cando "es ti quen descobres a obra e a ves traducida á túa lingua, é algo emocionante".

Vertida ao galego pola tradutora María Alonso Seisdedos, Premio Nacional á Mellor Tradución de 2014 e I Premio Xela Arias pola súa traxectoria profesional, entre outros recoñecementos, Unha educación vén de editarse baixo os auspicios de Hércules para a súa colección Sen Fronteiras. Nesta coidada edición tamén participou o ilustrador Marcos Viso, quen asina a imaxe da portada.

comentarios