Olga Novo, Pepe Coira e Arantza Portabales estarán na Selic deste ano

O Concello de Compostela presentou esta terza feira a Semana do Libro.
Un escaparate con novidades editoriais dentro da Semana do Libro de Compostela (Selic) (Foto: Selic).
photo_camera Un escaparate con novidades editoriais dentro da Semana do Libro de Compostela (Selic) (Foto: Selic).

O director da Semana do Libro de Compostela (Selic), o escritor e coordinador da sección Criminal deste evento, Xaquín Núñez Sabarís, e a concelleira de Cultura de Compostela, Mercedes Rosón, presentaron onte publicamente a nova edición da Seleic, que se desenvolverá na praza da Quintana do 9 ao 18 de xuño e que contará coa presenza de 14 editoras, sete librarías e catro institucións.

Como novidade este ano estréase precisamente a sección Selic Criminal que nace coa vontade de converterse en referencia da novela negra a nivel ibérico.

A programación contará con 75 actividades e terá que ampliar a súa carpa para acollelas. Ademais, mantén a súa aposta nunha programación que combina a lectura con outras disciplinas artísticas, como a música, o teatro ou o audiovisual.

Así, pasarán polo Selic desde unha performance de Chévere até as melodías de Christina Rosenvinge ou João Afonso. Olga Novo, Pepe Coira, Pedro Feijóo, Lorenzo Silva, Arantza Portabales, Francisco J. Viegas ou Francisco Moita Flores serán outros dos nomes propios que estarán nesta cita. Na ampla oferta de actividades da Selic destacan ademais os paseos, que van gañando forza ano tras ano.

Entre eles, até tres están enmarcados na sección Criminal do festival, algo que estaría relacionado coa forte compoñente xeográfica das ficcións negras.

Tamén haberá outras propostas organizadas por diferentes editoriais galegas (Alvarellos, Andavira, Galaxia, Positivas e Xerais), librarías (Aenea) ou entidades (Asociación de Escritoras en Lingua Galega ou MAOS Innovación Social).

O festival contará nesta edición coa colaboración das fundacións Antonio Pereira e Carlos Casares.

Comentarios