Carme Varela faise co Premio SELIC na categoría de Teatro

Carme Varela foi a gañadora dos VI Premios SELIC de creación literaria na modalidade de teatro, pola súa obra Faise o escuro. Purificación Cabido Pérez recibiu un accésit pola obra Areanegra na Casa Encantada na categoría de ensaio.
Carme Varela
photo_camera Carme Varela

Carme Varela vén de gañar o VI Premio SELIC de creación literaria na modalidade de teatro, coa obra Faise o escuro. Purificación Cabido Pérez recibiu un accésit pola obra Areanegra na Casa Encantada na categoría de ensaio. 

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, anunciou onte o fallo do xurado correspondente á edición deste ano dos Premios SELIC. 

O xurado -composto por Ana Cabaleiro, Agustín Agra, Eli Ríos, Vítor Vaqueiro e Berta Dávila- destacou na obra de Varela "a fluidez, o ritmo da peza, a fondura emocional e psicolóxica da construción dos personaxes femininos e a súa relación, orgánica e non só incidental, coa cidade de Compostela", e tamén destacou da obra a súa capacidade de romper "a cuarta parede e outros recursos metateatrais ao servizo dunha estrutura ben conseguida". 

Canto a obra de Purificación Cabido, subliñou o seu carácter de "crónica persoal de grande interese divulgativo". A obra relata a experiencia do colectivo Areanegra tras o afundimento do Prestige, "unha loita que nace das marxes para converterse nun fito social do asociacionismo na nosa historia próxima". 

 

Carme Varela 

Nada en Duomes (A Baña) en 1970, Carme Varela é licenciada en Filoloxía Galega e máster en Xestión cultural pola Universidade de Barcelona. A súa conexión co teatro comeza na época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns. Traballou como secretaria técnica da Fundación Castelao e no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Foi directora de produción no Centro Dramático Galego e dende o ano 2007 está ligada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia.

O seu primeiro texto teatral As desterradas recibiu o XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais (edición 2020). O texto foi creado como unha actividade para desenvolver no seo da asociación de patrimonio medieval O sorriso de Daniel da que é secretaria e que axudou a fundar no ano 2010. 

Purificación Cabido 

Licenciada en Filoloxía Francesa e Filoloxía Galego-Portuguesa, Purificación Cabido é catedrática de lingua e literatura francesa no IES de Cacheiras. Ademais, traduciu ao galego o libro de Hélène Cixous La prise de l’école de Madhubai e ten publicado algúns artigos en revistas de innovación educativa ou feministas.
 

Comentarios