CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Creed: ou cando Rocky volta da man dun director premiado en Sundance

Volta o personaxe máis mítico de Stallone e faino da man dun director con prestixio nos círculos do cinema de autor. O noso crítico de cabeceira ten a palabra.

creed1
photo_camera Un fotograma do filme

CREED

(Estados Unidos 2015, 133 min.)

Dirección: Ryan Coogle.

Guión: Ryan Coogler e Aaron Covington

Fotografía: Maryse Alberti

Música: Ludgwig Göransson

Elenco: Michael B. Jordan, Sylvester Stallone, Tessa Thompson, Tony Bellew, Phylicia Rashad, Ritchie Coster, Andre Ward, Graham McTavish, Malik Bazille, Kash Goins, Johanna Tolentino

SINOPSE

Rocky Balboa segue afastado do mundo do boxeo nun merecido retiro ocupado na rexencia do Restaurante Adrian’s. Un día aparece un rapaz que di ser o fillo de Apollo Creed e que quere que o adestre.

CRÍTICA

Si, Rocky volve... outra vez... Desta volta faino por todo o alto para adestrar a un talentoso rapaz de nome Adonis que di ser fillo de Apollo, o meirande rival de Rocky no pasado e mellor amigo que, lembremos, faleceu tristemente naquel delirante combate EUA-URSS de Rocky IV contra Ivan Drago/Dolph Lundgren. Se na anterior (Rocky Balboa) dirixía o mesmo Stallone, agora deixa a cousa en mans de Ryan Coogler, un talentoso novo director que debutou coa independente Fruitvale Station, premiada co Premio do Público e considerada Mellor Película no Festival de Sundance. Apunta maneiras. Creed xa paga a pena só por ver a mestría coa que filma as pelexas, sobre todo unha en concreto rodada nun só plano secuencia. Marabilla. Coogler repite co protagonista do seu debut: Michael B. Jordan, visto en outros filmes independentes coma o lo-fy Chronicle (2012, Josh Tank) ou fiascos coma a participación, no rol de Facho Humano, na patética Catro Fantásticos (de Alan Smithee). Aparte da boa dirección de Coogler, outra das bazas de Creed é poder ver a un Rocky/Stallone crepuscular nunha das mellores interpretacións da súa carreira. Stallone acada unha perfecta simbiose coa súa personaxe máis carismática cousa que, polo de pronto, xa lle valeu un Globo de Ouro ao Mellor Secundario e ten bastantes trazas de acadar o Óscar na mesma categoría. Ecos de nostalxia e lugares comúns para satisfacer a mitomanía daqueles que gozaron desde o primeiro Rocky (1976, John G. Avildsen), aderezados con aires de modernidade para captar as novas xeracións. Non faltan as escaleiras frontais do Museo de Arte de Filadelfia, o ximnasio de Mickey, a estatua de Rocky, os acordes da saga e até unha secuencia ao estilo do mítico training montage. Iso si, agora non soan clásicos de Rock-Fm, agora a cousa marcha a ritmo de hip-hop. Creed volve á historia do pupilo que adestra Rocky (vista xa en Rocky V) pero mesturado co filme inaugural da saga e con Rocky II (1979, Silvester Stallone).

Mestre e alumno terán que acadar unha perfecta harmonía se realmente queren gañar os seus respectivos combates: un pelexa por atopar un motivo para erguerse cada mañá e o outro por ser alguén no mundo do boxeo; as últimas rabexadas de un fronte aos primeiros pasos do outro. Soa a despedida de Rocky, pero tamén a un moi posíbel inicio dunha nova saga centrada no fillo de Apollo Creed. Deixan os vimbios ben matizados, consegue que nos encariñemos coas personaxes e ao tal Adonis Creed non lle falta carisma. Pero a cuestión é se ten o suficiente como para que a cousa calle na audiencia ou, se deciden continuar, acabe sendo unha pesada lousa que remate por estragar un bo filme de boxeo como é Creed. Na miña humilde opinión, deberían deixar a cousa tal e como está. Sería un dignísimo final...

Comentarios