A Coruña non asinará o convenio coa Feira do Libro

A Federación de Librarías de Galiza denuncia " "a grande diferenza orzamentaria que existe entre a aportación a Feira do Libro, e as achegas do Concello que reciben algúns outros eventos culturais".
Feira do Libro da Coruña en 2009
photo_camera Feira do Libro da Coruña en 2009

Ante a próxima apertura da Feira do Libro da Coruña, o 1 de agosto, a Federación de Librarías da Galiza (FLG) vén de emitir un comunicado no que se lamenta pola decisión do Concello de non asinar un convenio de colaboración.

"Despois de infinidade de contactos e reunións, onde o Concello amosou o seu compromiso para avanzar na súa sinatura, a pasada semana comunicousenos que finalmente, o convenio non vai ser asinado, e que únicamente contamos co compromiso verbal do concello de investir 15.000 euros (...) unha achega evidentemente deficiente para a maior feira do libro da Galiza", di o comunicado.  

 

A maior feira do país

O comunicado apunta que un dos obxectivos da FLG é "estabelecer un marco de diálogo permanente coas distintas administracións onde se celebran cada unha das feiras, co obxeto de consolidar acordos que doten de estabilidade as feiras en todos os aspectos". 

A feira da Coruña é a de maior importancia do país, xa que "recibe cada ano entre 120 e 150 mil visitantes", apuntan os libreiros, para asegurar  que "nos últimos anos vense facendo un importante esforzo por parte da organización para mellorar constantemente a oferta" e que "con esta decisión do Concello, queda claro que esta non parece ser a súa prioridade".  

A FLG subliña "a grande diferenza orzamentaria que existe entre a aportación a Feira do Libro, e as achegas do Concello que reciben algúns outros eventos culturais, moitos de eles de índole completamente privada", para rematar invitando exixindo da Administración "que cumpra coa sua responsabilidade, que asuma as súas obrigas, e que entenda que este inmenso patrimonio é de todas, e que entre todas temos que preservalo e fomentalo". 

Comentarios