A Coruña fechou os roteiros sobre a memoria dos Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego (Amega) lembrou a presenza de varios medios de comunicación na cidade da man de membros da entidade

Xoán Costa, co micrófono, e Xurxo Souto nun momento do roteiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xoán Costa, co micrófono, e Xurxo Souto nun momento do roteiro (Foto: Nós Diario).

A cidade da Coruña acolleu este sábado o feche do ciclo de roteiros xornalísticos para rescatar a memoria da prensa en galego que a Asociación de Medios en Galego (Amega) vén realizando neste mes de febreiro co gallo do Día dos Medios en Galego.

Despois de pasar pola Estrada (Terra de Montes), A Pobra do Caramiñal (Barbanza) e Compostela, e tralo éxito do Festival de música galega contemporánea realizado a pasada quinta feira tamén na cidade herculina, a entidade finalizaba o ciclo de actividades cun roteiro no barrio de Monte Alto. 

Da man dun excepcional guía como é o escritor e músico Xurxo Souto, e gracias á coorganización do Xornal da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, máis de 60 persoas “molláronse pola lingua” e descubriron a potencia da cidade da Coruña como gran precursora da prensa en galego.

GHGeboWWMAANYfu (1)
María Xosé Bravo

A sesión comezaba no Campo de Marte, onde Ubaldo Cerqueiro debullaba quen forma da Amega e daba conta do nacemento do Xornal da Coruña.

Despois, o xornalista Xosé Manuel Pereiro explicou a Revista Luzes, un proxecto que aposta polo xornalismo pausado nesta sociedade que sobrevalora a actualidade.

O Vello do Pico Sagro

A seguinte parada foi no IES Zalaeta, o que significou “unha revelación” para moitos dos presentes. Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza SA (empresa editora de Nós Diario), lembrou que o Hospicio, edificio que ocupaba o solar no que agora se sitúa o instituto, albergara unha das primeiras imprentas fixas da cidade da Coruña onde xa se publicara en 1808 o Diario de La Coruña. Nesa imprenta do Hospicio en 1860 publícase O Vello do Pico Sagro, o primeiro xornal en galego na cidade da Coruña. Indicou Costa que a día de hoxe o primeiro xornal escrito integramente en galego que coñecemos é O Seor Pedro publicado en 1840, desmontando así as teses de que a primeira publicación xornalística na nosa lingua foi O Tío Marcos da Portela que apareceu en 1876.

Despois, María Xosé Bravo, presidenta da AC Alexandre Bóveda, tomou a palabra no Papagaio para descobrirnos que a gran referencia do xornalismo en galego, A Nosa Terra, naceu aquí.

Luísa Villalta

O roteiro quixo lembrar tamén a figura de Luísa Villalta, a coruñesa que este ano protagoniza o Día das Letras Galegas. O lugar foi escollido porque desde O Papagaio tamén Villalta escribiu moitas das súas columnas xornalísticas para a renovada A Nosa Terra ou Tempos Novos. Foi Carmela Galego, vicepresidenta da propia ACAB a que destacou “o compromiso” como terceiro alicerce que fai de Villalta unha auténtica pioneira.

O roteiro remataba no Campo da Leña, onde Tomás Legido resumía 29 anos de asociación e 28 de radio comunitaria da CUAC FM.

Xurxo Souto despediu a xornada facendo que toda a comitiva acabase cantándolle ao Orzán, e fechando unha xornada de descuberta e coñecemento da propia historia.

Comentarios