Grande “éxito” do cinema galego no Festival de Málaga

O sector do audiovisual galego retorna á casa con seis galardóns para filmes presentados no importante certame. Oito producións galegas foron exhibidas nesta edición.

palmarés málaga
photo_camera Comunican o palmarés do festival (Foto: Álex Zea / Europa Press)

Que oito producións galegas fosen seleccionadas para a súa exhibición na 23ª edición do Festival de Málaga xa era unha boa nova. Mais que cinco delas volvesen para a casa con premio xa pode cualificarse, tal como fixo nas súas redes sociais a Academia Galega do Audiovisual, de “grande éxito”.

Así, Lúa vermella, dirixida por Lois Patiño e producida por Zeitun Films, gañou a Biznaga de Prata á Mellor Película Española na sección Zonazine. Patiño felicitou a través do Facebook o seu equipo e quixo agradecer “enormemente o esforzo e a valentía do festival por levalo a cabo pese a todas as dificultades”. Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández levaron a Biznaga de Prata á Mellor Dirección por A media voz, producida por Matriuska Producciones, Perspective Films, PCT Cinéma Télévision e Producciones de la 5ta Avenida.

Equipos de mulleres

Pola súa banda, Carne, dirixida por Camila Kater e producida por Abano Producións e Doctela, logrou a Biznaga de Prata á Mellor Curtametraxe Documental. Chelo Loureiro, de Abano Producións, lembrou nas súas redes sociais “todas as mulleres talentosas que hai tras Carne, comezando pola directora, Camila Kater, e seguindo polas guionistas, animadoras, protagonistas, compositora, coprodutoras, sonidistas, actrices de dobraxe, montadora e distribuidoras”.

Xoves de comadres, de Noemi Chantada, producida por Islandia Producciones, obtivo a Mención Especial do Xurado e a Biznaga de Prata Premio do Público na Sección Oficial de Curtametraxes e, por último, Homomaquia, de David Fidalgo Omil, producida por Abano Producións e El Gato Verde, foi distinguida coa Biznaga de Prata Premio do Público dentro da sección Animazine.

Comentarios