A Coruña aspira a ser epicentro do audiovisual galego

Xa no mes de marzo está previsto que decorra a gala dos Premios Mestre Mateo, que cambia cara un formato máis habitual en premios como os Feroz ou os Globos de Ouro.
O presidente da Academia do Audiovisual e a alcaldesa da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O presidente da Academia do Audiovisual e a alcaldesa da Coruña. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, presentaron esta terza feira unha ampla axenda de actividades coas que a cidade quere converterse no lugar de referencia do audiovisual galego en 2022. No municipio decorrerán os XX Mestre Mateo, o 19 de marzo, cun formato que vai ser novidade.

“Buscará sorprender” e, polo que se adiantou, o sistema de organización vai ser similar a algúns premios da música, os Premios Feroz ou mesmo os Globos de Ouro, coas finalistas distribuídas en mesas arredor do escenario.

Aliás, na rolda de prensa, comunicaron que a III edición da Semana do Cinema Galego ampliará quer a programación, quer a duración en relación ao ano anterior.

Por outra banda, o XI Premio Sellier vai reivindicar o 125 aniversario dos primeiros filmes rodados no Estado español.

A academia e o Goberno local comentaron estas previsións garantindo o seu compromiso de traballar de forma conxunta para, segundo a rexedora, “consolidar A Coruña como a cidade de referencia do sector audiovisual, o epicentro do audiovisual galego por número de empresas e polos postos de traballo que se xeran”.

O representante do propio sector recoñeceu que na localidade concéntrase un “enorme potencial artístico e industrial”. 

Tanto é así que non só pensan nas actividades dirixidas ao público en xeral. Ao rematar 2022 decorrerán unhas xornadas profesionais que buscarán ser un punto de referencia para profesionais chegados de todo o Estado español. 

O presidente da Academia galega salientou: "Queremos situar a cidade no lugar que merece no panorama audiovisual español e europeo, e facelo tamén desde a óptica das e dos profesionais".

Comentarios