Unha Escolma do Papel/Conversa con Guadi Galego

"O corpo pedíame arriscarme co pop"

Nas lúas cheas de outubro e agosto naceron o seu fillo e a súa filla. Agora dan título a un disco no que agroman as emocións e os sentimentos. Guadi Galego vólvese pop en Lúas de outubro e agosto, o seu segundo disco en solitario despois daquel Benzón que asinou hai cinco anos.

GuadiGalego (1)
photo_camera [Imaxe: Karlos Abal]

-Lúas de outubro e agosto é o título do seu novo disco do que adiantou o videoclip “Matriarcas” cun extraordinario recibimento na rede.

-Foi unha revolución e non contabamos con tanta aceptación. Converteuse en viral. No videoclip hai moitas mulleres reais e a xente séntese dentificada con elas. Defendo que o sentimento do matriarcado existe na Galiza e esa maneira de verbalizalo con música fixo que moita xente se sentise próxima.

-As mulleres e a maternidade é un dos principais temas do seu novo traballo?

-Moitos dos temas xiran arredor da muller, mais non só da maternidade. Para se sentir matriarca non hai que ser nai biolóxica. Moitas non teñen fillos. Na Galiza hai unha chea de mulleres que coidaron de sobriños, que levantaron casas con xente maior sen seren elas mesmas nais. Non se cingue ao tema da maternidade, mais si é certo que cando escoitas o disco percibes que as mulleres están presentes, teñen un destaque especial. Malia iso, non foi algo premeditado. Os temas saíron así pode ser porque, máis que nunca, tiña presente a condición de muller na miña vida.

-Polo que di, pola autoría e porque responde tamén, en certa maneira, ao seu momento biográfico, é este o seu traballo máis persoal?

-Sete de dez temas son meus, tanto na composición da música como na letra. É moi persoal desde o momento en que todas son cancións inéditas, de autoría propia. Non hai temas tradicionais como si acontecía no anterior disco. A música tradicional pulula dentro de min e, de feito, hai moitas letras e músicas que teñen o aroma da terra, da tradición. Ese arrecendo existe e apréciase, mais desapareceu aquela presenza directa con temas tirados directamente da música popular.

-Desde Benzón, o seu primeiro disco en solitario, publicado en 2009, pasaron cinco anos. Por que demorou no seu regreso?

-A vida está chea de circunstancias, de feitos que, dunha maneira ou outra, van conducindo a túa biografía. Antes de poñerme de novo cun disco en solitario naceu A Cada Canto, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que era un proxecto que tiñamos pendente. Tiven o meu primeiro fillo e non era posíbel máis nada.

-Ademais de A Cada Canto, participou en Berrogüetto, Nordestinas ou Espido. Este novo disco adiviña un futuro en solitario?

-De momento vou defender este disco e non sei que farei máis adiante. Traballar con outras persoas enriquéceme e pode ser que no futuro volva participar en proxectos colectivos. Todo será segundo o momento que viva.

-Por que se decidiu por un traballo tan pop?

-Certamente é totalmente pop. O regusto da tradición está nas melodías e nas letras mais non ten a presenza de Benzón. Apetecíame moito tirar por esta vía. Darlle un gusto distinto pareceume un risco interesante despois de vir do folque. Defendo que hai que facer o que che pide o corpo e a min pedíame pop. Pensaba hai un anaco que desde que empecei fixen sempre cousas moi distintas. Rosalía XXI é un disco con linguaxe jazz e regusto contemporáneo e a ninguén lle estrañou que dese eu voz a Rosalía. Agora posibelmente resulte máis chamativo por ser pop porque en galego non hai moito. Pop existe mais non de forma tan contundente como neste caso.

-Emocións e sentimentos son ingredientes básicos da súa música?

-Son a esencia. Se non hai sentimentos e emocións non ten sentido, fanme ser o que son. Quero ser de verdade nas miñas cancións, cos meus defectos e virtudes. A música está dentro de min desde pequena. A miña familia e boa parte das miñas amizades viven a música de maneira intensa e forma parte das nosas vidas e iso tamén se deixa ver no que fago. A música ten moita forza e pode cambiar mesmo o estado de ánimo. Contribúe a que sexamos máis felices.

Esta entrevista apareceu no Sermos124, publicado a 27 de novembro de 2014

Comentarios