As cores dun pobo de Leandro Lamas, Antón Seoane e a paisaxista María Fandiño protagonizan o 'Sermos Galiza'

Neste novo número do semanario, á venda durante a fin de semana, entrevistamos o músico, psiquiatra e agora escritor Antón Seoane; afondamos na obra de Leando Lamas e percorremos  a creación da arquitecta María Fandiño.

collage-web

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 17 de febreiro un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Leandro Lamas é un dos nomes deste número. Leandro Lamas, ‘Leandrinho’, pinta desde o seu estudio da Mourela unha Galiza a cor, de trazos únicos e rapidamente recoñecíbeis. Láminas e lenzos que unhas veces contan historias persoais e outras reivindican e berran por todas as que non teñen voz, polas causas xustas. É un dos grandes referentes artísticos da Galiza contemporánea coa súa pintura naif caracterizada polo uso da cor nas súas obras.

Iago Varela debulla a creación deste artista. “Os seus inicios remóntanse á súa etapa escolar na Ponte de Xubia (Narón), onde deu cun profesor que descubriu e puxo en valor as inquedanzas de Leandro polo deseño, e que o foi animando a participar en diversos certames. Nunha etapa posterior, cruzouse no seu camiño Xaquín Marín, que o marcou de forma significativa, facendo que desde aquela -e malia pensar que nunca podería dedicarse a isto- até agora siga dándolle ao pincel, dunha maneira relaxada, sen grandes expectativas e facendo o que lle gusta”

Antón Seoane, a emigración insólita

Xan Carballa entrevista Antón Seoane. O músico e tamén psiquiatra Antón Seoane (Ferrol, 1949) publica Avelino Cabezas e os seus irmáns (Galaxia). O libro, que se somerxe na súa propia estirpe, conta a asombrosa historia da emigración na Arxentina de primeiros do século XX deste grupo familiar que edificou en Bos Aires unha enorme empresa comercial, pioneira do marketing e da publicidade. Aínda pasados cen anos, a historiada saga Cabezas reverbera na casa Libunca (Narón)  e na finca El Paraíso (Córdoba-Arxentina), residencia  final do escritor Manuel Mujica Láinez.

"A epopea da emigración que narra o libro sucede no medio dunha mudanza universal, e os irmáns Cabezas, que saíron de Narón, lidan cunha rúa na que sucedían cousas moi serias", afirma durante a conversa.

María Fandiño, identidade e paisaxe

Iago Valverde achéganos a María Fandiño. Hai máis de tres anos, no número 426 do Sermos Galiza, dedicábaselle unha reportaxe ás novas voces emerxentes da arquitectura galega. Unha delas, María Fandiño, pasou neste tempo de ser emerxente a ter unha obra recoñecida e consolidada. Destaca o seu traballo como paisaxista e na recuperación de espazos degradados.

“Cando se fai calquera tipo de intervención hai que ter en conta o contexto. Con actuacións descontex-tualizadas estase perdendo a identidade dos diferentes territorios e con eles a cultura e a memoria. Se non os mantemos, vanse perder", sostén Fandiño.

Literatura, música, cinema, arte, paxaros... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González achégannos as novidades e revisión no sector literario, a comezar por Deiche ollos e miraches as tebras de Irene Solâ (Kalandraka, 2023) e O soño Asulagado, de Celso Emilio Ferreiro.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza Cancións para un neno que nace, de Luis Euxenio Santos Sequeiros. Pola súa parte, Xurxo Souto fálanos do baixo malladora de Antón Díaz. “Dende hai anos, coa orquestra Xangai, téñoo a carón no palco. Baixa o amplificador! de cando en vez bótolle este berro. Un xeito after-punk de lle dicir: Grazas meu amigo. Canta fortuna poder cantar a carón do teu talento! “

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Wish (Chris Buck e Fawn Veerasunthorn), así co o otros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla, mentres Ramsés Pérez lévanos de novo polo mundo das aves. Carlos L. Bernárdez  f´ñalanos de ‘Fotografía e xénero, a obra de Alice Austen’.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios