Compostela Cultura ofrece estas actividades para afondar no encontro de Chévere con Castelao

Durante o mes de febreiro, catro encontros abertos ao público profundarán no proceso creativo da compañía e en cuestións fulcrais que ecoan na peza, como a construción da memoria e o seu relato, da man de integrantes da compañía teatral e doutras voces convidadas.
A compañía Chévere diante da estampa de Castelao. (Foto: Sabela Eiriz)
A compañía Chévere diante da estampa de Castelao. (Foto: Sabela Eiriz)

O último espectáculo da compañía Chévere, ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao, terá a súa estrea no Auditorio da Galiza o vindeiro 20 de febreiro, con pases tamén o sábado 21 e o domingo 22. Como acompañamento a esa estrea, Compostela Cultura propón un programa de diversos encontros co público, co obxectivo de ampliar a experiencia teatral.

As actividades arrincan o 7 de febreiro con Retrousos, unha sesión de debate que -ás 12.30 horas na Sala Mozart do Auditorio da Galiza- reúne voces alleas á compañía para abordar os eixos conceptuais da obra desde perspectivas xurídicas, históricas e sociais. Contará coa presenza de Aldara Cidrás, investigadora do uso de fontes xudiciais para a construción da memoria da violencia golpista; Xosé Manuel Beiras, profesor, economista e político, que abordará a transmisión da memoria de Castelao e Alexandre Bóveda no pensamento nacionalista, e Leticia Vila Posada, directora de Dano Cerebral Galicia, quen realizará unha intervención divulgativa sobre o dano cerebral adquirido e os procesos necesarios para a súa recuperación.

O 14 de febreiro, ás 12.30 horas, o Centro SocioCultural das Fontiñas acollerá un Encontro coa obra A derradeira leición do mestre, o cadro de Castelao que é peza central do espectáculo. A actividade abrirá unha conversa arredor do seu contexto histórico, o seu valor simbólico e a súa carga política e memorial, así como sobre a relación entre arte, memoria e escena contemporánea. 

O sábado 21 de febreiro, nas horas previas ao segundo dos pases do espectáculo, integrantes da compañía reuniranse no Conversando, un novo encontro que arrincará ás 17.30 horas no Auditorio da Galiza para afondar no proceso de investigación e desenvolvemento da peza. 

Finalmente, o día 28 de febreiro, ás 12.00 horas, a sesión Tramoia. Anatomía dunha peza teatral abrirá na Zona C un espazo no que diseccionar o proceso creativo de ICTUS: desde as primeiras intuicións e liñas de investigación até as decisións finais de posta en escena. Tramoia permite así achegarse ao método de creación colectiva de Chévere, ás súas dinámicas de investigación e ás tensións entre proceso, contexto e resultado artístico. Un espazo para comprender como se fai teatro hoxe e para pensar pensando a escena desde dentro.

Comentarios