Comezan as obras que afectan a contorna de San Pedro de Rocas

Varios colectivos,  integrados en SOS Salvemos Rocas, temen a "masificación turística" da contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas.
Movemento de terras na obra sobre a contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Movemento de terras na obra sobre a contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas (Foto: Nós Diario).

A Deputación de Ourense comezou esta cuarta feira as obras na estrada OU-509, que dá acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, situado na localidade de Esgos, na comarca de Ourense.

Unhas actuacións que espertan grande oposición por parte de colectivos en defensa do patrimonio. Advirten de que a Deputación causará graves danos nunha contorna, lembran, que é protexida, e defenden a integridade paisaxística e patrimonial deste Ben de Interese Cultural (BIC).

As persoas que se opoñen ás obras, integradas no colectivo SOS Salvemos Rocas, denuncian que prexudicarán o solo xeolóxico protexido e que demolerán muros históricos do mosteiro.

As citadas actuacións xa foran denegadas en dúas ocasións pola Dirección Xeral de Patrimonio, en 2011 e en 2018, anos en que se advertiu de que só se podería actuar para pavimentar o viario, mais sen alterar o seu trazado.

Catro presidentes de asociacións veciñais da contorna do mosteiro amosáronse publicamente a favor dunhas obras que facilitarán o paso dos autobuses ao BIC, ao entender que van atraer turistas ao enclave.

Precisamente, ese é outro dos motivos que levan os colectivos a criticar unha actuación cuxo obxectivo, din, “é levar o turismo de masas ao mosteiro”.

Ademais, debido ás obras, que suporán "formigón, muros de contención, impacto visual, chapapote e barreiras", prevese a corta de máis de 130 árbores, algunha das cales son centenarias.

Até nove figuras de protección

Sobre San Pedro de Rocas pesan até nove figuras diferentes de protección. Unha cifra que permite evidenciar a importancia deste enclave, non só a nivel patrimonial senón tamén desde o punto de vista histórico ou paisaxístico.

Comentarios