CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Colossal, un filme de autor con monstro dentro

colossal1
photo_camera Un fotograma do filme

COLOSSAL

(Canadá-EUA-España-Corea do Sur 2016, 109 min.) 

Dirección e guión: Nacho Vigalondo

Fotografía: Eric Kress

Música: Bear McCreary

Elenco: Anne Hathaway, Jason Sudeikis, Austin Stowell, Tim Blake Nelson, Dan Stevens, Hannah Cheramy, Nathan Ellison

SINOPSE

Gloria volve a súa cidade natal tras moitos anos en Nova Iorque. Tras reencontrar cos vellos coñecidos decátase que un monstro xigante, que está a destruír Seúl, responde dalgunha maneira ao seus movementos malia estar a milleiros de quilómetros de distancia.

CRÍTICA

Tras a incomprendida Open Windows (2014) e unha boa tempada de traballos “alimenticios”, entre os cales chegou a compartir créditos con Uwe Boll -considerado o peor director da historia do cinema co permiso de Ed Wood- Nacho Vigalondo, que fora nomeado a un Óscar pola curta 7:35 da mañá (2003), volve pola porta grande con Colossal un filme de xénero fantástico que contou co respaldo da industria norteamericana e un elenco de altura: Anne Hathaway (gañadora dun Óscar por Os miserábeis), o comediante e guionista Jason Sudeikis (saído do Saturday Night Life) ou o prestixioso secundario, e tamén director, Tim Blake Nelson (O Brother!). Colossal é unha comedia con monstro dentro que da todo o que se espera dun filme de Vigalondo, é dicir: nada é o que parece. Gloria (Hathaway) é unha muller desastrada, metezocas, mentireira e bastante irresponsábel que perde o traballo ao mesmo tempo que o seu mozo lle dá porta. Gloria regresa entón a súa vila natal onde tropeza con Oscar (Sudeikis), un vello amigo da infancia que rexenta o bar do pobo e que lle axudará coa mudanza. De súpeto dan no telexornal a nova de que un monstro xigante está atacar Seúl... sorprendentemente responde aos movementos de Gloria. Inicialmente a historia íase desenrolar entre Santander e Madrid mais, cousas do destino, a cousa mudou entre unha pequena vila de Norteamérica e a cidade de Seúl, pero non é un filme localista así que pouco importou onde se desenrole a acción, salvo polo tema oriental que pega tan ben cos monstros xigantes. Así que o guión, do propio Vigalondo, deslocalizouse por esixencias do comité orzamentario pero a idea en si non se veu en absoluto afectada, máis ben gaña enteiros. A premisa do monstro que responde aos movementos dunha muller que se sente insignificante ten moito de historia ‘vigalondiá’ (se non existe aínda ese termo debería existir), mais tamén agocha un filme cunha profundidade certamente inesperada. Non só é unha comedia toleirana con monstro dentro, senón que utiliza xusto este ton humorístico para tratar temas moi serios, o cal funciona máis que dar discursos belixerantes. Dentro da carga política que hai de fondo (atención á nota que escriben en coreano), hai toda unha tese arredor do maltrato psicolóxico emocional a través dunha das personaxes que semella ter o síndrome do “can das hortas”, que nin come nin deixa comer. E ata aquí podo ler... Recomendábel cento por cento tanto para amantes dos kaijus tipo Godzilla (ou os mecha tipo Mazinger Z), como tamén para quen guste da comedia diferente ou o thriller con mensaxe. O CGI e o deseño dos monstros destilan un espírito artesanal malia que estean feitos co mellor deseño dixital. Destilan autenticidade, ao igual que as personaxes, moi traballadas e con carisma desde o primeiro momento, tanto as principais como as secundarias. Colossal é profunda, orixinal, carente de complexos, con personaxes con moita graza e unha fantasía desbordante que deixa con gañas de máis... Colosal regreso do mellor Vigalondo.

Comentarios