Imaxes de minisaia e zapatos de tacón en cursos de formación da CRTVG sobre acoso laboral

O director da Corporación de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, rexeitou que o ente público incorpore unha figura concreta que vele polo cumprimento de boas prácticas no tratamento de temas relacionados coa violencia de xénero.

sanchez izq
photo_camera Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Europa Press).

En resposta á deputada do PSdeG Noa Díaz, Sánchez Izquierdo cuestionou a efectividade da figura e sinalou que el opta pola formación dos profesionais. Díaz cuestionou os cursos de formación que se ofrecen na CRTVG e a súa revisión temática, tendo en conta que se imparte agora un referido ao acoso laboral e nel inclúense descargábeis con imaxes de pernas de mulleres que levan minisaia e zapatos de tacón.

"O que menos esperamos é o tratamento frívolo", manifestou Noa Díaz a respecto do faladoiro do programa "Quen anda aí", no que se tratou a serie documental de Rocío Carrasco. A socialista leu o diálogo que se mantivo entre colaboradores, con "risas, gargalladas" e mesmo o son dunha "caixa rexistradora" a modo de ilustración sonora cando unha das persoas que interveu preguntábase se se cobrou por difundir datos da vida persoal e que se fixo con ese diñeiro. "Un esperpento" en directo, dixo a parlamentaria.

Persoas non expertas

Sánchez Izquierdo admitiu que eran "persoas que non son especializadas nesta cuestión". Díaz propuxo que non participen en faladoiros deste tipo e o director da CRTVG acusou a deputada de querer adoptar "medidas contundentes de despedimentos" dos profesionais da comunicación que estaban no programa.

Díaz aclarou que as caras dos presentadores denotaban incomodidade e preguntouse por que non se actuou despois de espazos publicitarios, mentres que Sánchez Izquierdo apelou á programación en directo, o 86% da programación efectiva, para xustificar que neste tipo de situacións se poden cometer "erros".

Noa Díaz quedou "alucinada" cos argumentos esgrimidos por Sánchez Izquierdo, quen na súa última intervención apelou a que a súa intervención estivo revisada por unha muller avogada con experiencia en temas de violencia de xénero.

Erros

"Foi escrita case na súa totalidade por unha profesional avogada, experta en temas de xénero e non serviu para evitar as descualificacións", reprochoulle. Sánchez Izquierdo indicou que mesmo as dilatadas traxectorias dos profesionais e colaboradores "non garanten que non vaian cometer erros".

"Nin eles nin ninguén está exento de cometelos", dixo o director da CRTVG, quen volveu defender a especial sensibilidade da CRTVG coa materia e con programación específica.

Con todo, o director da compañía sinalou que os comentarios que alí se verteron "non foron acertados". "É obvio", recoñeceu Sánchez Izquierdo, quen, con todo, indicou que a TVG "seguirá" apostando pola "formación", pero "tamén pola liberdade de expresión".

En canto á cuestión da violencia de xénero, o director da corporación indicou que "as principais ferramentas están nos lexisladores, parlamentos e gobernantes" e "non só na cidadanía e nos medios de comunicación".

Comentarios