Críticas á CRTVG por non investir o seu superávit

“Non usan o superávit para recuperar programas senlleiros como O Agro, nin para principiar a creación da canle Xabarín, nin para mellorar o uso do galego  nin para avanzar na independencia informativa", reprochan ao director xeral da CRTVG.
O director xeral da CRTVG compareceu onte no Parlamento (Foto: Europa Press)
photo_camera O director xeral da CRTVG compareceu na sexta feira no Parlamento (Foto: Europa Press)

O director xeral da Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, presentou esta sexta feira, 9 de xullo, en comisión parlamentar o informe das contas anuais da corporación correspondentes ao exercicio 2020, amosando a súa satisfacción por un superávit de 1.851.659 euros.

A deputada María Albert (BNG) reprochoulle que as contas fican nun orzamento de 111,2 millóns, tan só dous millóns máis que en 2019, unhas cifras “acomodaticias” que repiten o esquema de anos anteriores e que non reflicten ningún interese por mudar o rumbo dos medios públicos galegos.  

A nacionalista criticou "a dependencia económica absoluta” da Xunta, cuns ingresos publicitarios "en caída continua", o que deriva en manipulación informativa; na aposta pola produción allea, incluída a denominada “produción propia allea” e nun superávit de perto de dous millóns de euros que non se usan, por exemplo, para programar a volta das desconexións territoriais para achegar información de proximidade consubstancial ao servizo público esencial de comunicación audiovisual na Galiza”.

“Non usan o superávit para recuperar programas senlleiros como O Agro, nin para principiar a creación da canle Xabarín, nin para mellorar o uso do galego  nin para avanzar na independencia informativa", criticou.

Na mesma liña, a parlamentaria socialista Noelia Otero reclamou que se paralice o desmantelamento do Estudio 5 da Radio Galega, un departamento que leva 35 anos como referente da produción de música da Galiza, "para externalizar e privatizar o seu traballo". Otero reclamou unha “aposta e compromiso que non pase pola externalización e privatización que imposibilitarían que o proxecto seguise vivo”.

Izquierdo nega que haxa acoso laboral

Aliás, o BNG tamén preguntou ao director da compañía pola demanda por acoso presentada por un traballador pola súa “actividade sindical, política e, de forma especial, pola súa orientación sexual, por ser homosexual”, dixo a nacionalista Olalla Rodil. “Estamos falando de algo gravísimo porque suporía, de ser certo, a violación de dereitos fundamentais”, advertiu a deputada. 

Izquierdo afirmou que nos últimos catro anos houbo catro demandas por acoso laboral e todas "foron desestimadas", e na relativa á exposta por Rodil, emprazou a agardar polo xuízo.

Comentarios