Contracultura

Cielo Fernández: "Un dos retos máis importantes que enfrontan as librarías é a dixitalización xeral do sector"

A Federación de Librarías da Galiza conta desde este mes de decembro cun novo equipo directivo, que asume os retos e necesidades do sector. A dirección está liderada por Cielo Fernández, propietaria da Libraría Bahía en Foz (A Mariña), que afronta esta nova etapa da Federación con ganas e ilusión por superar as dificultades que o sector do libro encara no futuro máis próximo.
En Foz (A Mariña) atópase a Libraría Bahía de Cielo Fernández. [Foto: Paula dos Anjos]
photo_camera En Foz (A Mariña) atópase a Libraría Bahía de Cielo Fernández. [Foto: Paula dos Anjos]

—Como viviu a transición no cambio da directiva da Federación e cales serán as principais liñas de traballo do equipo que preside?
A transición foi boa e faremos un traballo de continuidade co que viña facendo o equipo anterior; eu son a única que formaba parte da anterior directiva e a idea que temos agora é manter o traballo que fixemos no anterior mandato. As liñas de traballo pasan por consolidar a organización e tentar chegar a máis librarías para que se asocien connosco. Temos pendente unha reforma dos estatutos que son moi antigos e de cara á sociedade queremos impulsar as feiras do libro, que son o maior escaparate das librarías galegas, así como mellorar a comunicación co noso público.

—Actualmente a Federación conta con 146 librarías asociadas. Hai obxectivos de aumento en termos cuantitativos?
Non é que teñamos un número en mente, simplemente queremos pórnos en contacto coas librarías que non están asociadas, que son aínda bastantes, e animalas a federarse e dar a coñecer o noso proxecto e os servizos que podemos prestar. Cantas máis se vaian incorporando será mellor para todas nós e o sector.

—Como ve o sector do libro na Galiza actual?
En xeral, o sector do libro non está mal. A pandemia, en certo sentido, deunos moito xogo porque creo que a sociedade se deu conta da importancia de contar coas librarías non só como un lugar onde se venden libros senón como un sitio de contacto humano. Tamén considero que de certa maneira se reforzou o hábito lector nos últimos tempos polo que non é un mal momento para as librarías. Sempre é certo que temos que seguir pensando en como mellorar pero en xeral o momento é bo e na Federación tendemos ao optimismo, pode que sexamos un sector que se manteña forte.

—Cales son os principais retos que enfronta o sector no futuro máis inmediato?
Sempre está aí o reto da dixitalización e de facer fronte a outros medios de consumo de lectura. Non é para nada unha cuestión nova pero segue tan de actualidade como sempre e por iso debemos continuar a incidir nisto para que o público nos vexa como o lugar onde se adquiren os libros. Neste sentido, vimos traballando en plataformas en internet para que a compra de libros se faga a través de nós, das librarías. É vital que insistamos na importancia de que existan tendas físicas, un espazo real onde achegarse a comprar libros fronte a un espazo puramente virtual. É a nosa valía e o que achegamos á sociedade como valor engadido.

—O sector do libro e as librarías deberían contar con maior apoio por parte das distintas Administracións públicas?
As librarías enfrontan un reto importante ademais do da dixitalización e é que haxa persoas lectoras. Nese sentido, todas as políticas que se leven a cabo para fortalecer e incrementar o hábito lector da poboación acabarán por axudar as librarías. Cremos que por aí si que se debe facer un esforzo grande por parte das Administracións.

No relativo ao apoio máis directo hai algunhas axudas pero algo que é esencial para a nosa supervivencia é que desde as Administracións se faga un esforzo por asegurar que todas as compras de libros se fagan a través de nós, algo que non é así sempre. Hai compras con diñeiro público que se fan ás veces a través de grupos que non son librarías, por iso nós reiteramos que todas as compras de libros que fagan as Administracións con diñeiro público teñen que pasar necesariamente polas librarías para asegurar a nosa existencia no tempo.

Comentarios