Inaugúrase en Madrid a mostra que conmemora o Ano Laxeiro

A proposta comisariada por Carlos L. Bernárdez, representa unha oportunidade única para reivindicar o legado de Laxeiro máis alá da Galiza.  Neste senso, o comisario destacou que esta iniciativa chegue precisamente “nun momento renovador da arte galega do pasado século, achegamentos onde prima a vontade de resituar os artistas no contexto internacional do seu tempo”. 

Unha das salas da exposición en Madrid.
photo_camera Unha das salas da exposición en Madrid.

Onte inaugurouse en Madrid Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970), a exposición itinerante coa que se conmemora o Ano Laxeiro e que chega agora a unha das institucións culturais máis prestixiosas, da que o propio Laxeiro foi alumno na súa mocidade. 

A mostra, que poderá visitarse ata o 24 de xullo, sae da Galiza tras unha primeira estadía na vila natal do pintor, no Museo Ramón María Aller de Lalín, iniciando un periplo co que se busca situar a renovadora pintura de Laxeiro nun lugar destacado da historia da arte española do século XX. 

A proposta comisariada por Carlos L. Bernárdez, representa unha oportunidade única para reivindicar o legado de Laxeiro máis alá da Galiza.  Neste senso, o comisario destacou que esta iniciativa chegue precisamente “nun momento renovador da arte galega do pasado século, achegamentos onde prima a vontade de resituar os artistas no contexto internacional do seu tempo”. 

 

Este obxectivo, xurdido despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicarlle este ano o “Día das Artes” ao pintor, reforzarase posteriormente a nivel internacional co apoio da Embaixada de España en Francia e o Instituto Cervantes en París, onde se instalará a exposición a principios do vindeiro 2023, tras pasar polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (do 29 de setembro ao 18 de decembro). 

A exposición reúne 40 pezas procedentes de coleccionistas privados e diversas institucións e museos. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) nas que Laxeiro se instalou en Bos Aires. “Foi a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina”, explica Carlos L. Bernárdez. 

Algunhas das obras máis destacadas e representativas desa época de maior agresividade na pincelada do artista son Foi un home (1963), O espanto (1962), Xefe Azteca (1964), Retrato (1960-1970) ou O mundo (1964). 

Ademais, a retrospectiva complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luis Seoane ou Julia Minguillón, recreando simbolicamente a exposición de Bos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América. Así, exhíbense as obras Ruínas da guerra (1949) de Luis Seoane (a modo de representación como organizador desa exposición, aínda que el non participou con ningunha pintura) ou La Tyla y yo (1943) de Julia Minguillón.

Comentarios