Lugo acolleu máis de 400 actos culturais este ano

O Concello de Lugo contabilizou máis de 400 actividades culturais estes primeiros seis meses de 2022. Así o notificou en rolda de prensa a concelleira de Lugo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro e Rubén Arroxo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Maite Ferreiro e Rubén Arroxo. (Foto: Nós Diario)

A concelleira de Lugo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo na segunda feira balance da actividade cultural organizada durante o primeiro semestre de 2022. Segundo datos do seu departamento neste período realizáronse perto de 400 actividades de distintos tipos, ademais de organizar nove exposicións temporais no Vello Cárcere e no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Ferreiro salientou "programacións como a do Gustavo Freire ou a Mostra de Teatro Clásico que achegan a Lugo grupos de teatro de gran recoñecemento a nivel galego, estatal e incluso internacional".

Este ano a actividade cultural  comezou coa cabalgata de Reis, na rúa, para pasar a centrarse no Cárcere Vello, lugar que acolleu máis de 300 actividades, contando con visitas guiadas teatralizadas, grupos de lectura, charlas e actividades infantís. 

Teatro e música

Ademais, Lugo tivo 28 representacións teatrais no auditorio Gustavo Freire, seis  de danza, nove de animación á lectura na Biblioteca Municipal, catro representacións no festival de Teatro Grecolatino e doce na Mostra de Teatro Clásico. No tocante á música, a cidade contou con dez concertos  e unha xuntanza con  corais de Lugo e a 49º edición da Semana de Música do Corpus, con nove concertos. 

Outros fitos importantes foron o II Celme de Zanfona, coa presenza de máis de 100 zanfonistas, ou a xuntanza Soundsystem no camiño, que xuntou en Lugo aos cinco colectivos de reggae máis representativos do noroeste peninsular.máis importantes do Vello Cárcere.

Entre as exposicións máis visitadas esta Así Xogabamos, no MIHL, con case 7.000 persoas. A arte urbana foi outra das apostas do Concello con murais como o  de Luís Davila no muro da nova pasarela do Centro de Saúde de San Roque.

Comentarios