Modi anula a reforma agraria na India despois dun ano de protestas

A mobilización popular acaba co intento de liberalización do sector agrícola impulsado polo primeiro ministro conservador, Narendra Modi.
Celebracións tras o anuncio da derrogación das leis. (Foto: Ravi Choudhary / PTI / dpa)
photo_camera Celebracións tras o anuncio da derrogación das leis. (Foto: Ravi Choudhary / PTI / dpa)

A aprobación de tres leis que liberalizaban o mercado agrícola na India o 20 de setembro de 2020, impulsadas polo primeiro ministro Narendra Modi, desatou as protestas de milleiros de labregas e labregos, que levan un ano nas rúas de Nova Delhi e outras cidades mobilizándose en contra da norma tras encabezar unha das folgas xerais máis grandes da historia, coa participación de 250 millóns de persoas o 26 de novembro do pasado ano.

Malia a maioría parlamentaria do conservador Bharatiya Janata Party (Partido Popular Indio) de Modi, a presión social obrigouno a ceder ás demandas do rural, derrogando esta segunda feira en poucos minutos o paquete de leis nunha votación sen debate, o que foi criticado pola oposición. O líder do Congreso Nacional, Adhir Ranjan Choudhury, acusou o Goberno de intentar evitar un debate sobre o prezo dos produtos, reporta Times of India.

En contra da liberalización

“A pesar de moitas dificultades, estivemos aquí durante un ano e hoxe o noso sacrificio finalmente deu os seus froitos”, sinalou Ranjit Kumar, un labrego de 36 anos, a France24 en Ghazipur, no Estado de Uttar Pradesh.

Precisamente en Uttar Pradesh e en Punyab decorrerán nos vindeiros meses as eleccións estatais. Estes lugares destacáronse pola forte oposición á proposta do Executivo federal.

As tres leis abrían a porta ás compañías privadas ao mercado agrícola, permitían os contratos sen intermediación estatal e acababan con límites como o de capacidade de almacenamento de alimentos.

Unha das entidades que participaron nas protestas, Kisan Ekta Morcha, explica como na actualidade os produtos son vendidos nos mandis -mercados estatais- a un prezo regulado, nos que contan con axudas para que a cidadanía acceda a determinados alimentos de xeito asumíbel, e desde alí son adquiridos polo resto de compradores.

Co novo sistema que intentou aplicar o gabinete, a organización alertou de que se desaparecían os prezos mínimos e os mercados estatais, as corporacións imporían as súas condicións para lucrarse a costa do rural da India. Ademais, coa desaparicións dos límites de almacenamentos poderían acaparar alimentos e fixar prezos fóra do alcance da maioría da poboación.

Para o 58% dos habitantes da India a agricultura é a súa fonte principal de ingresos, asemade, representa case o 16% do PIB.

Comentarios