A Catedral de Santiago e o Monumento aos Mártires de Carral feitos de xoguete?

“Achegar os visitantes á variedade e á riqueza do patrimonio arquitectónico galego” é un dos principais obxectivos desta exposición organizada pola Asociación EXIN Castillos y West.
A Catedral de Santiago feita con Exin Castillos na exposición (Foto: Galicia con Exin Castillos).
photo_camera A Catedral de Santiago feita con Exin Castillos na exposición (Foto: Galicia con Exin Castillos).

Exin Castillos, un popular xogo de construción, dá moito xogo á hora de crear ou recrear diferentes construcións ou monumentos. Algunhas das construcións máis representativas da Galiza tamén se poden crear co este xogo, algo que fica demostrado na exposición ‘Galicia Monumental’, en Santiago de Compostela.

O centro comercial Área Central, na cidade compostelá, acollerá até finais deste mes de abril esta mostra que conta cunha vintena de monumentos ben recoñecíbeis no país, entre eles a Catedral de Santiago ou o Monumento aos Mártires de Carral.

“Achegar os visitantes á variedade e á riqueza do patrimonio arquitectónico galego” é un dos principais obxectivos desta exposición organizada pola Asociación EXIN Castillos y West.

Máis de 150.000 pezas

Máis de 150.000 pezas conforman esta mostra, das cales 30.000 foron usadas para recrear a fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.

Desde a organización animan as persoas que se encontren na capital galega a achegárense á exposición que pode axudar a coñecer mellor o rico patrimonio arquitectónico do país.

Exin Castillos

A empresa que fabrica este xoguete leva desde os anos 60 elaborando e comercializando as pezas con que poder crear auténticas obras de arte.

Ademais de no Estado español, Exin Castillos alcanzou grandes niveis de popularidade en diferentes países de América Latina, nomeadamente en México.

Comentarios