Case unha ducia de festivais galegos compiten nos premios ibéricos do sector

A votación para a X edición dos Iberian Festival Awards, cuxa gala decorrerá en Lisboa a finais do mes de marzo, fica aberta. Os eventos do país compiten en categorías tan diferentes como mellor festival, maior achega á sostibilidade ou mellor localización. Tamén teñen o seu espazo dúas citas vencelladas á poesía e ao cinema.
O festival do Porriño mesmo foi nomeado pola ubicación. (Foto: Sons da Canteira)
photo_camera O festival do Porriño mesmo foi nomeado pola ubicación. (Foto: Sons da Canteira)

Galiza é potencia. Potencia en moitas cousas e a festa e o gusto pola cultura, malia a pandemia, é unha delas. Quizais isa foi a chave que levou a perto de 12 festivais do país a situarse entre os finalistas aos Iberian Festival Awards, cuxa resolución transcenderá en marzo nunha gran gala en Lisboa.  

O certame ten dez anos de historia e xa elixiu algunha cita galega neste tempo pero a entrada de nomeamentos de cara ao fallo que se dará a coñecer no primeiro trimestre do ano próximo non ten comparación pois o sector aposta quer nos festivais que levan máis tempo na escena galega quer naqueles que xa naceron cunha adaptación aos tempos da Covid-19 (ou case). Así, son 11 os eventos que xogan os premios con outras iniciativas do Estado español e de Portugal, se ben moitos repiten en varias categorías. 

Unha das sorpresas pola gran acollida que está a ter nestes premios -agora está aberta a fase de votación para o público- foi O son dos arrieiros, que forma parte da axenda cultural da Estrada. Esta proposta está nomeada nas categorías de mellor festival, mellor novo festival, mellor festival en interiores, mellor programación cultural, e maior contribución á sostibilidade do medio. 

No apartado de mellor festival a competencia será dura, non só porque hai iniciativas de primeiro nivel da península ibérica, senón porque o galardón tamén está ao alcance doutros sete proxectos do país: o Son Rías Baixas; Nachiños Fest (de creación bastante nova en Ferrol); Son do Camiño Perseidas; Sons da Canteira (de referencia no Porriño, mesmo para municipios lindeiros de Portugal); Son Estrella Galiza Festival, Sonorama Galiza e Wos Festival

Este último, decorrido en Compostela, tamén está seleccionado tanto polo seu éxito como certame de interior como pola súa programación. Na mellor comunicación destacan o Son Rías Baixas e os Sons da Canteira, que sobresaen xunto co Perseidas na categoría de mellor lugar escollido para a celebración. A canteira do Porriño onde teñen lugar os concertos non se pode obviar, como amosan os Iberian Festival Awards.

Propostas alternativas á música

Tamén hai candidaturas galegas a mellor recepción, mellor uso da tecnoloxía (para o Portamérica); mellor concerto e até mellor seguridade para o público fronte ao coronavirus.

Mais non só a música ten o seu espazo nestes premios, pois como festivais doutro tipo gañaron o seu espazo o Festival poético dos Eidos do Courel e o Festival Internacional de Curtas de Comedia, o Rir, de Allariz.

Comentarios