Contracultura

Carme Fernández: "Pilar García Negro interpreta Rosalía desde o compromiso coa nación e coas mulleres"

A doutora e profesora da Universidade da Coruña (UDC) Carme Fernández Pérez-Sanjulián (A Coruña, 1963) foi a encargada de editar o libro Intenso e Solidario Feminismo. Estudos Rosalianos (UDC), un volume que escolma quince traballos de Pilar García Negro sobre a poeta, xunto con Kathleen March, autora do epílogo.
A doutora e profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández Pérez-Sanjulián (Foto: Nós Diario).
photo_camera A doutora e profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández Pérez-Sanjulián (Foto: Nós Diario).

—En que medida os estudos recollidos de Pilar García Negro contribuíron a mudar a imaxe que se tiña de Rosalía de Castro?
A idea de recompilar algúns traballos de Pilar García Negro xurdiu para pór de relevo até que punto é importante a súa contribución sobre Rosalía, tanto por extenso como por ser mantido no tempo, mais, sobre todo, polo seu nivel de divulgación e análise. Ás veces o seu perfil público como política parece que opaca o seu labor como investigadora. No libro recollemos traballos publicados desde hai 40 anos até a actualidade. A imaxe que se tiña de Rosalía daquela era moi diferente da que temos hoxe.

Nos primeiros traballos de Pilar García Negro, así como nos de outras persoas da Galiza, había unha vontade de dar a coñecer a obra de Rosalía, de explicala e interpretala desde parámetros que non eran os tradicionalmente impostos: o trauma de Rosalía, o peso da sombra do pai, a imaxe tan conservadora da santiña e saudosa... Estes prexuízos chegaron até min cando eu estudaba e aínda hoxe perduran, sobre todo en textos enfocados desde o punto de vista da literatura española. No libro reúnense textos de carácter académico con outros que seguen mantendo un ton máis reivindicativo e pode apreciarse unha evolución ao longo do tempo. 

—Alén da mirada española, os prexuízos que recaen sobre Rosalía dependen dunha cuestión de clase e de xénero, non si?
Desde logo. Os prexuízos están máis presentes do que parece a día de hoxe. Eu dou clase no mestrado de secundaria dunha materia onde teño alumnado de estudos hispánicos e de estudos galego-portugueses. A imaxe que traen construída de Rosalía non ten nada que ver. Por suposto que houbo olladas masculinas especialmente patriarcais, mais tamén lecturas como a de Marina Mayoral, que aínda que introduce elementos de interese tamén consolidou unha imaxe moi diferente da que poden reivindicar persoas como Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Carmen Blanco ou a propia Kathleen March. 

March insiste moito en até que punto as lecturas de Pilar García Negro foron produtivas e útiles para ela para construír o seu propio discurso e confrontar academicamente a súa propia imaxe. 

—Como foi este labor de selección de traballos?
En primeiro lugar requiriu volver ler moitos dos traballos de Pilar. Procurei que dentro do longo período que abrangue o libro, os traballos tivesen abordaxes distintas e tamén houbo unha clara aposta por estudos importantes, outros que non eran moi coñecidos polo tipo de publicación no que se distribuíron e outros para achegar ao público traballos que forman parte de publicacións académicas e, polo tanto, teñen un acceso restrinxido. 

Penso en concreto nun texto publicado nunha revista italiana, Studi Ispanici, que era interesante polo tema que trata, a autoría, mais tamén porque mostra que os diferentes rexistros nos que se moven as contribucións de Pilar: desde a prensa periódica e as revistas até estratos académicos tanto na Galiza como no estranxeiro. Precisamente, March é unha rosalianista internacional que con esa mirada que trae desde fóra olla e avalía a relevancia dos estudos de Pilar para ela en concreto e para o campo destes estudos en xeral. Este é un volume que organizamos no Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega, ILLA, da Universidade da Coruña como homenaxe polo 70 aniversario de Pilar, mais tamén, como dicía, coa intención de destacar a importancia dos seus estudos rosalianos. 

No título, quixen facer referencia ás propias palabras que Pilar dedica a Rosalía nun dos artigos, “intenso e solidario feminismo”, para sinalar tamén que ela nos 80 xa estaba facendo referencia a estas ideas. As liñas fundamentais de García Negro cando interpreta Rosalía é o compromiso coa nación e coas clases populares e o seu profundo compromiso coas mulleres. 

Comentarios