Carlos Yus: "Sempre quixemos facer un teatro que tivese unha mensaxe e que se achegase á xente"

Co fin de fomentar o coñecemento dos ditos infantís galegos e contribuír á transmisión familiar da lingua, Migallas Teatro vén de presentar a segunda entrega de Brincadeiras da lingua, unha continuación da serie que comezou o ano pasado. Ademais, neste 2022 a compañía celebra o seu 30 aniversario. Nós Diario conversa con Carlos Yus, integrante xunto a María Campos de Migallas Teatro.
Banda Migallas
photo_camera Carlos Yus (na parte dereita) xunto a María Campos e os integrantes da Banda Migallas. (Foto: Nós Diario)

Como nace a iniciativa Brincadeiras da lingua?

Nace por unha páxina que coordinamos chamada "Orella Pendella". Xurdiu por unha necesidade que había de facilitar material sobre ditos infantís tradicionais  galegos tanto para nais e avós e, sobre todo, para docentes. Creouse en 2008 e daquela había algún libro editado sobre a materia, como por exemplo Lerias e enredos para os máis pequenos, de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey, que é a base de toda a investigación, pero non estaban dispoñíbeis nun formato rápido en Internet. Fomos recompilando aquí ditos que ía mandando a xente e colaboradoras.

Máis recentemente, coa chegada da pandemia, convocáronse uns fondos e ocorréusenos facer estas pílulas de curta duración para telo aínda máis a man. A primeira serie, con dez capítulos, tivo moito éxito e coa segunda convocatoria fixemos a proposta, aprobouse e realizamos outros quince. Estanse a publicar as quintas feiras de cada semana e, en total, serán vinte e cinco pezas que recollen unha mostra importante destes ditos tradicionais galegos.

Seguindo esta liña, tamén xurdiu un novo espectáculo.

Decidimos crear este espectáculo en gran formato entre María e eu, baixo o mesmo nome, para fomentar a práctica destas brincadeiras dunha forma amena. Estréase en Compostela o 24 de febreiro e nel adaptámonos ás distintas idades, pode estar orientado a cativos de seis meses a seis anos ou para máis maiores. Levamos uns ditos en maletas, xa que viaxan por todo o mundo, e en función do público que sexa, abrimos unha maleta ou outra. Combinamos tamén a narración oral con monicreques, cancións e demais para que resulte máis atractivo.

Como foi evolucionando a compañía ao longo destes anos?

Comezamos no ano 1992 grazas ao azar. Houbo que suplir a un grupo de teatro que non podía actuar nunhas xornadas sobre a actualidade da lingua galega en Pontevedra. Entón, María e eu xuntámonos. Ela creou unhas personaxes e eu cantei algúns cancións. A través desas figuras inventadas faciamos críticas de situacións sociais e políticas de maneira humorística. Ao rematar esa función improvisada, unha espectadora achegouse e comentounos que quería levarnos a actuar á súa parroquia, e así foi. A partir de aí comezamos. Decidimos gravar as cancións que interpretabamos nos espectáculos infantís e saíron Canta connosco!, Pan de millo e Zaragallada, para un público máis adulto.

Cando empezamos había moi poucos grupos que facían teatro familiar e agora, por sorte, hai moitos máis. Tamén grupos de música infantil en galego, é unha gran riqueza. Nós sempre quixemos facer un teatro que tivese unha mensaxe, ritmo e tamén naturalidade, que chegase á xente. Levalo a todos os recunchos, non só a auditorios, senón a parroquias, asociacións de veciños, centros culturais, centros escolares... Os espectáculos adáptanse a todo tipo de espazos e facemos pezas de todo tipo, teatrais ou combinando tamén con música.

Teñen preparado algunha peza para o 30 aniversario?

Si. Até o de agora, nos espectáculos musicais, levabamos a banda das pulgas. María e eu cantamos e elas tocan, é música gravada. Este ano, por fin, imos contar con música en directo. Por unha parte, está a formación Migallas, con músicos como Xaquín Xesteira, Anxo Xesteira, Borja García e Isi Baúlo e temos un espectáculo chamado "30 anos cantando con Migallas", onde traemos as cancións dos discos Pan de millo e Canta connosco! Logo, tamén está a banda Zaragallada, que interpreta as cancións dese álbum, a maioría de crítica social ou política impregnadas sempre dun ton humorístico.

Comentarios