Audiovisual

O Carballo Interplay vese obrigado a optar por un formato integramente dixital

A evolución da crise sanitaria fixo que o festival, un dos primeiros afectados pola vaga de cancelacións por mor da pandemia en abril, mude a versión "híbrida" prevista por un formato completamente online. Con todo, aproveitará xustamente a ocasión para analizar a adaptación dos festivais de audiovisual ao eido virtual.
Sonia Méndez, directora do Carballo Interplau, na pasda edición.
photo_camera Sonia Méndez, directora do Carballo Interplau, na pasda edición.

As restricións e medidas impostas pola pandemia levaron á maior parte dos festivais de de audiovisual a reinventarse este 2020. Ou, cando menos, a expandir o seu alcance na rede máis alá da presenza física.

O Carballo Interplay súmase a esta vaga e, após adiar a VII edición prevista na primavera, a versión "híbrida" inicialmente prevista verase ao fin transformada nun formato integramente dixital, que terá igualmente lugar en o 18 e o 21 de novembro.

Desde a organización, a directora, Sonia Méndez, afirma que non teñen ningunha dúbida de que "a cultura é segura". O propio Carballo Interplay "é un festival de contidos dixitais", recorda, "vimos da Internet e este ano imos ter que volver á rede, para coidar, para coidarnos e para demostrar que a esencia do festival non reside en nada máis que en compartir creatividade e amor dixital, ben sexa en persoa ou a través das plataformas".

Todas as actividades poderán verse de balde a través de varias plataformas (Youtube, Facebook e Twitch), o programa está dispoñíbel na web do Interplay.

Tecnoloxía da vangarda

A organización do festival quere aproveitar a ocasión para analizar como as tecnoloxías poden transformar espazos físicos en espazos virtuais, axudando a adaptar eventos e a construír ou reconstruír novos mundos. Para isto, o Interplay volve a ollada cara ás posibilidades creativas que ofrecen os efectos dixitais, a realidade virtual e mixta ou a intelixencia artificial, quer para a industria audiovisual quer para a arte ou o patrimonio cultural.

Os especialistas Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr) explicarán como en tempos de distancia social, nos que as interaccións están máis ca nunca mediadas pola pantalla, as tecnoloxías emerxen para crear novos mundos, pero tamén para achegarnos doutro modo aos que xa coñecemos, nunha actividade que conta coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización (CREA).

Aliás, Méndez falará con Ana Domínguez (directora do S8) e Ángel Sánchez (director do Play Doc) sobre as fórmulas aplicadas polos festivais audiovisuais galegos no contexto da pandemia, como a colaboración con plataformas de streaming, a creación de contidos específicos ou o deseño de actividades para retransmisión online.

Formación

Na propia adaptación do programa do Interplay aos novos tempos ofrecerase o obradoiro Como emitir en streaming sen morrer no intento, impartido por Jorge Boquete, un curso de 12 horas con 12 vagas, por 25 euros.

Comentarios