xoves 06/08/20
Cultura

A pandemia condensa os festivais audiovisuais en outono

Por mor do adiamento de moitas das citas audiovisuais da primavera, o outono de 2020 promete ser un dos máis cinematográficos. Os festivais de contidos fílmicos están a procurar novas fórmulas e equilibrios entre virtual e presencial que, segundo parece, virán para ficar. Aínda que as modificacións das bases na convocatoria das axudas da Xunta publicadas esta semana atende algunhas das súas demandas para esta situación extraordinaria, as subvencións continúan sen resolverse, o que dificulta o traballo das entidades organizadoras. 
Imaxe promocional de (S8) Mostra de Cinema Periférico [María Meseguer].
Imaxe promocional de (S8) Mostra de Cinema Periférico [María Meseguer].
O adiamento de datas por mor da pandemia de coronavirus concentra boa parte dos festivais de cinema a partir de setembro. O primeiro sinalado no almanaque, fechando a época estival máis forte, é a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que organiza o Museo do Pobo Galego. Programada de 23 a 29 de marzo e con notábel presenza internacional, foi tamén unha das primeiras en se ver obrigada a cancelar o evento coa chegada da Covid-19 á Galiza e as conseguintes medidas de confinamento. Malia todo, xa nas datas oficiais facilitou unha serie de contidos en liña, se ben o ciclo terá lugar en Compostela de 25 a 29 de agosto.

Para alén da MICE, tamén se viron aprazadas outras citas de referencia no panorama audiovisual galego –o Carballo Interplay, o Play-Doc (Tui), o Festival de Cans (O Porriño) e o (S8) Mostra de Cinema Periférico (A Coruña)– que foron recolocadas no segundo semestre do ano, logo duns momentos iniciais ateigados de incerteza. Isto fará o outono de 2020 especialmente atractivo e axitado para as amantes do cinema, que mesmo terán que escoller entre eventos que coinciden no tempo.

O festival de Cans abrirá setembro coa súa 27ª edición, entre o día 2 e o 5. O FicBueu xa fixo pública a súa programación, así como revelaba onte a homenaxe á actriz Melania Cruz co Premio Cine Galego, outorgado no marco dun ciclo que correrá do 11 ao 19 de setembro. A semana seguinte terá lugar o Play-Doc, de 23 e 27 de setembro, solapándose coa Semana de Cine de Lugo, de 21 a 27, e co (S8) Mostra de Cinema Periférico, que fechará a tempada máis estival cunha programación entre 27 de setembro e 3 de outubro. O Play-Doc e o (S8) tiveron que moverse desde as datas habituais en abril e comezos de xuño, respectivamente. A estes é previsíbel que se sumen citas como o Curtocircuíto, que adoita remover Compostela a comezos de outubro, mais aínda non confirmou se este ano manterá a tendencia. De 24 a 27 dese mesmo mes está convocado o Intersección na Coruña, ao tempo que o Curtas - Festival do Imaxinario (con cambio de nome incluído) chegará de 23 de outubro a 1 de novembro para encher da maxia fílmica e banda deseñada Vilagarcía de Arousa, tamén na época que habitualmente o acolle.

O Carballo Interplay terá lugar xa en novembro, do 18 ao 21, logo de ter que cancelar o programa axendado a comezos de abril. A 7ª edición dun dos eventos de contidos dixitais máis relevantes do Estado acudirá, segundo revelou o concello, a unha fórmula "híbrida" entre presencial e telemático, que no seu caso, co virtual como cerna, semella que terá unha adaptación bastante orgánica, aínda que non por iso menos traballosa.

O equilibrio entre o virtual e o presencial

O peso da virtualidade parece abocado a gañar espazo, de maneira complementaria á presencial e en maior ou menor medida, en boa parte das mostras do país. A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) publicou a comezos desta semana no Diario Oficial da Galiza unha modificación na convocatoria das axudas a festivais que admite a posibilidade de apoiar aqueles que se realicen en liña, o que era unha demanada do sector. Afonso Pato, director da mostra de Cans, considera que os novos modelos nos que están a traballar, case contrarreloxo, "veñen para quedar".

"Fálase moito de reinventarse, pero eu ás veces case penso que é máis rebentarse", comenta cun chisco de humor o organizador en referencia á enorme cantidade de esforzo que a adaptación lles está a exixir. "Traballamos o triplo para facer un festival máis pequeno", resume o que vai de experiencia, sen desvelar aínda todas as chaves do ciclo do Porriño, que a pasada cuarta feira adiantaba a necesidade da reserva previa de entradas para uns espazos con capacidade limitada. Para compensar isto, as actividades serán retransmitidas en streaming, na procura dese equilibrio que cada proxecto debe negociar.

Agadic muda as bases, pero non resolve as axudas

Esta mudanza nas bases das axudas a festivais enmárcase dentro do Plan de reactivación da cultura e o turismo, un roteiro que desde a súa presentación provocou bastante mala aceptación por parte das profesionais do eido cultural. As modificacións chegan logo de conversas con Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais, polo que o texto non colle por sorpresa as entidades ou colectivos organizadores das mostras. Ademais da modalidade virtual, Agadic amplía nun mes máis, até 30 de novembro, a data de realización dos eventos, e aumenta en 20%, cun máximo de 80%, o orzamento subvencionábel cando o solicitante sexa unha entidade privada. Contémplase tamén a reformulación das solicitudes presentadas con anterioridade para axeitarse a estas novas bases e declárase unha exención de constitución de garantías para pagamentos anticipados de máis de 18.000 euros. Por outra banda, os gastos incorridos e non recuperábeis como consecuencia do estado de alarma estarán suxeitos a axuda.

Porén, o que se bota en falta é coñecer o propio reparto dos orzamentos. "Non temos resolución e estamos a pouco máis dun mes, sen saber dos recursos que se nos van adxudicar", explica Pato. Os comités de persoas expertas encargados de valorar a concesión están constituídos desde marzo, mes no que na anterior convocatoria se publicou o resultado no DOG. Neste 2020, continúan á agarda.

comentarios