As cancelacións polo coronavirus xa afectan á cultura galega

As primeiras vítimas foron a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay.

e63e59ec-c755-4114-a4dc-4a6f422ddde5
photo_camera Vista da última edición da MICE. (Foto: Nós Diario).

A crise provocada pola expansión do coronavirus, que xa provocou a suspensión de innumerábeis eventos deportivos, políticos e económicos por todo o mundo, chega á cultura galega. As primeiras vítimas foron a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay.

Con todo listo para a súa celebración, prevista para a primeira semana de abril, o brote de COVID-19 obrigou o Concello de Carballo -organizador do evento- a adiar a VII edición do Festival Interplay.

Segundo explicou Xosé Regueira, responsábel da Concellaría de Promoción Económica e Turismo da localidade, o evento  suspéndese, "temporalmente", e por "responsabilidade", para evitar o "risco de contaxio".

Por outra banda, a dirección da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e o Padroado do Museo do Pobo Galego decidiron aprazar a décimoquinta edición da MICE, que estaba previsto que se desenvolvese entre o 23 e o 29 de marzo, por "precaución" ante os últimos datos coñecidos arredor da progresión do COVID-19.

Desde a organización apuntan que a "responsabilidade" e a "cancelación da presenza dalgúns convidados de relevancia" obrigan á suspensión da Mostra, que agardan "se celebre con normalidade noutras datas".

Comentarios