venres 22/01/21

O Carballo Interplay ofrece unha panorámica da creación dixital

A sección oficial componse por 31 webseries, entre elas sete propostas galegas e en galego.
Fotogramas da versión orixinal galega.
Fotogramas da versión orixinal galega.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay deu a coñecer onte a escolma da sección oficial, que poderá verse entre o 18 e o 21 de novembro nesta VII edición "híbrida". En total atopamos en cartel 31 propostas, 14 de diferentes países (Arxentina, Uruguai, Chile, Canadá, Reino Unido, Portugal...), para alén dunha selección de 14 series galegas e en galego, así como 10 producións doutros puntos do Estado español. Repartiranse máis de 5.500 euros en premios.

Cada un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabares, Guillermo V. Zapata e Andrea Gumes. Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un galardón de 400 euros e un xurado novo entregará outro de 400 euros.

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) patrocina un premio ao mellor guión dotado con 200 euros e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), un á mellor dirección. Finalmente, entregaranse os galardóns á mellor actriz e ao mellor actor.

Na panorámica ofrecida polo festival a nivel global, a comedia continúa como a fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas. Deste modo, 18 das 31 finalistas empregan o humor e a porcentaxe mantense no total das propostas recibidas.

Atoparemos tamén varias parodias dun sector audiovisual que se ri de si mesmo e das peripecias para chegar a conectar co seu público (e para gañar cartos facéndoo!), varias comedias xeracionais, frescas e sen complexos, protagonizadas por mulleres, e varias comedias con pano de fondo social e/ou con vontade divulgativa.

Os títulos da sección galega inclúen @Destapando_Casares, Os 20 do XX, Capitán Breomán, Save e amigos, Mataría Microserie, Adegas da memoria e S.E.X..

Proxeccións seguras

As 31 finalistas proxectaranse en tres bloques nas tardes da quinta feira 19 de novembro (versión orixinal en galego), da sexta feira 20 (internacional) e do sábado 21 (estatal), no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo.

Os nomes das gañadoras coñeceranse, como cada ano, na Gala de clausura, que se emitirá por streaming e que adapta a súa temática á actualidade, reflexionando sobre esta nova forma de relacionarnos entre os seres humanos resultado da pandemia.

comentarios