O festival percorrerá o Youtube e os podcasts en galego

O Carballo Interplay olla a comedia feita por mulleres

Máis de 30 series web, sete delas en versión orixinal en galego. Un repaso polo Youtube ou polos podcasts no noso idioma. Debates sobre a comedia “feminina”, sobre mulleres nos videoxogos ou sobre os festivais na era da distancia social e a multipantalla. Un obradoiro sobre como emitir por streaming sen morrer no intento ou un encontro sobre tecnoloxías para a creación de mundos virtuais. Son só algunhas das propostas da VII edición do Carballo Interplay, que se emitirá de maneira totalmente virtual de mañá ao sábado. 
Sonia Méndez é a directora do festival Carballo Interplay. (Foto: David Tombilla)
photo_camera Sonia Méndez é a directora do festival Carballo Interplay. (Foto: David Tombilla)

A organización do Carballo Interplay estaba xa preparada para o “Plan B”, para facelo todo por streaming se facía falta. E aínda ben. Porque, se o festival tivese xa que ser adiado con motivo do primeiro estado de alarma que seguiu á Covid, coa chegada das últimas restricións tornouse “inevitábel”, tal como lembra a directora, Sonia Méndez, pasar a programación para internet. Así que desde mañá e até o sábado poderán seguirse todas as actividades a través de plataformas como Youtube, Facebook e Twitch.

Unha parte quedarán ademais gravadas, mentres que “os bloques que se podían ver no Auditorio de Carballo”, explica a directora, emitiranse só en directo: o galego, o estatal, o internacional e, neste caso, a estrea das series Amnesia 3.0, de Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin, e Xan, de Lucía Estévez, ambas gañadoras do Pitching 2019. O único que muda a respecto do previsto é o concerto de Verto, que se substitúe por un encontro virtual con este dúo, formado por Berto Mira e Fer Peleteiro. 

A comedia feita por mulleres será unha das protagonistas do Carballo Interplay deste ano. Lorena Iglesias, Penny Jay, Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) falarán o sábado sobre mulleres e comicidade, pois “parece que custa asumir que as mulleres son tan graciosas coma os homes”.

O día anterior poderá seguirse un podcast en vivo con Carolina Iglesias e Victoria Martín, e Necroshow, un espectáculo de humor de Lorena Iglesias con vídeos, música urbana ao vivo e stand-up. “Temos unha mirada que fai que nos fixemos no que fan as mulleres directoras”, sinala Sonia Méndez, que participará tamén nunha mesa, xunto con Ana Domínguez do (S8) e Ángel Sánchez do Play Doc, sobre os festivais nos tempos da distancia social e a multipantalla.

Sección oficial

A sección oficial proxectará sete series galegas, dez do resto do Estado e 14 do resto do mundo. A web do Carballo Interplay inclúe enlaces ás redes sociais e, no seu caso, websites de cada unha destas series.

En versión orixinal en galego poderán verse @Destapando_Casares, sobre os segredos do alumnado da “Universidade Carlos Casares”; Os 20 do XX, que explica como era a Galiza dos anos 20; a serie de animación Capitán Breomán; Save e amigos, sobre as aventuras de Save; Mataría, sobre o que o actor Pedro Brandariz non pode aturar; Adegas da Memoria, sobre Vilachá, na Ribeira Sacra e o proxecto de educación sexual para adolescentes S.E.X..

Entre as webseries internacionais haberá propostas chegadas de Portugal, Arxentina, Uruguai, Chile, Canadá, Reino Unido, Austria e Francia. O Carballo Interplay vai xa para a VII edición, polo que a organización ten unha perspectiva para tomar o pulso da evolución do xénero. “Hai menos series de internet, pero son máis profesionais. Hai bastante comedia, bastantes series feitas por mulleres, series que xa se conciben para ser emitidas por Instagram ou por Facebook, ou algunha para o Tik Tok… E outras series máis convencionais…”, subliña Sonia Méndez.

Poderás continuar con esta lectura mercando o Nós Diario de mañá nos quiosques ou na nosa tenda online. Non fiques máis coa intriga e fai a subscrición premendo aquí!

Comentarios