Carballo Interplay estrea a primeira webserie interactiva en galego

‘Amnesia 3.0’ consta de 3 capítulos e foi creada por Irene  Pin, Iria Iglesias e Natalia  Porca.

Lía e Fiz, dous dos protagonistas de 'Amnesia 3.0'
photo_camera Lía e Fiz, dous dos protagonistas de 'Amnesia 3.0' (Foto: Cedida)

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay acolle esta quinta feira, día 19, ás 22:00 horas, a estrea da primeira  webserie interactiva en galego. Trátasede ‘Amnesia 3.0’, proxecto gañador do premio á produción de proxecto convocado polo propio festival o ano pasado.

A estrea será a través da rede, cun coloquio posterior coas creadoras Irene  Pin, Iria Iglesias e Natalia  Porca. Desta proposta, explica que se trata dunha  miniserie de tres capítulos, que conta coa colaboración de Monti Castiñeiras, Sabela  Arán e Isabel Naveira.

Respecto a este evento, a organización subliña que "constitúe un fito dentro da ficción dixital galega" ao ofrecer a posibilidade de que o espectador se achegue á historia "por un ou outro itinerario que o mesmo poderá escoller".

En concreto, avanza que "nos momentos en que os personaxes se cruzan" o espectador poderá "seguir a un ou outro" e , segundo o que escolla, "verán intencións ou accións que se cadra perciben doutro xeito".

Trátase dunha serie escrita e dirixida por Irene  Pin, xornalista de Nós Diario, producida por Natalia  Porca e  Cristela Torres.

A interactividade está coordinada por Iria Iglesias, tamén autora da banda sonora orixinal.

Xunto a ela, nos efectos especiais, está Rocío López, tamén a cargo da dirección de arte. A dirección de fotografía a firma  Andry Milán.

Comentarios