Cantos de taberna a cambio dun quilo de alimentos en Pontevedra

Catro agrupacións musicais unen forzas para dar dous concertos únicos.
Presentación en Pontevedra do Concerto Quilo Solidario
photo_camera Presentación en Pontevedra do Concerto Quilo Solidario

O concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta terza feira o I Concerto Quilo Solidario, un festival no que participarán distintos grupos de Pontevedra e da comarca. O edil estivo acompañado de Andrés Lorenzo, representante da organización e director musical do evento; xunto con membros do grupo Cantanascroas e da banda de gaitas Son da Pedra Meiga. 

Gómez sinalou que desde o Concello "estamos encantados e encantadas de pór a disposición as instalacións municipais como o Teatro Principal ou a Casa Verde de Salcedo" para a realización deste festival. "É unha honra axudar a realizar este tipo de actividades solidarias, máis aínda no tempo de Nadal no que estamos". 

O festival articúlase a través de dous concertos distintos, primeiro na Casa Verde de Salcedo o día 22 de decembro ás 21 horas, e logo o día 29 de decembro, ás 21 horas, no Teatro Principal de Pontevedra. 

Trátase dun espectáculo único, no que participan até catro agrupacións distintas que reunirán máis de 100 músicos no escenario. Así, os conxuntos son: a banda de gaitas O Son da Pedra Meiga, o grupo de cantos de taberna Cantanascroas; o grupo de cantos tradicionais Muíños da Ponte; e o orfeón galego Aires da Castrelada. 

Andrés Lorenzo lembrou que as citas musicais xiran ao redor do labor benéfico, e que desde o ano 2010 leva traballando en Pontevedra en eventos deste tipo. "Imos tentar pasar un bo anaco de tempo, gozar entre todos e todas, e que a xente poida, tamén, colaborar connosco cantando as cancións", indicou. 

A entrada para ambos os dous días é a mesma: entregar un quilo de comida non perecedoira. Por suposto, todo aquel que queira entregar unha maior cantidade poderá facelo. 

Comentarios