María Canosa, a AELG e o proxecto Brazolinda gañan o Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña anunciou os galardóns da XIII edición dos Premios Rosalía de Castro de Lingua. Os premios recaeron na escritora María Canosa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o proxecto Brazolinda.
O xurado dos Premios Rosalía de Castro de Língua (Foto: Nós Diario).
photo_camera O xurado dos Premios Rosalía de Castro de Língua. (Foto: Nós Diario)

A escritora Maria Canosa, na categoría de persoas; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades; e o proxecto Brazolinda, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres gañadoras dos XIII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña.

O certame quere recoñecer cada ano a labor na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico da Galiza, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego. Cada unha das gañadoras recibirá un premio en metálico de 5.000 euros.

Xurado do Premio desta XIII edición 

O xurado formárono María Muíño, delegada especial de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos García, de Twitter en galego. 

María Muíño presidiu o tribunal, no que actuou como secretaria Dores Sánchez, técnica de normalización lingüística da institución provincial.

Persoas e proxectos premiadas nesta edición

O xurado explica que á hora de outogarlle o galardón a María Canosa, o xurado valorou o "seu compromiso firme coa lingua galega e a longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos como de escritora e divulgadora". 

En relación á AELG salienta que "a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica ou traducións), fomentando o uso e a defensa pública da lingua". 

Por último, do proxecto Brazolinda sinala que mereceu o galardón por ser unha iniciativa que "non só ten como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón tamén o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza até o momento".

Comentarios