A AELG insta a agasallar un libro e unha flor o Día de Rosalía

Suxire aos concellos que celebren o 23 de febreiro.
Un escaparate con novidades editoriais dentro da Semana do Libro de Compostela (Selic) (Foto: Selic).
photo_camera Un escaparate con novidades editoriais dentro da Semana do Libro de Compostela (Selic) (Foto: Selic).

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) quere conmemorar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, animando a poboación a que "agasallen un libro en galego e unha flor alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo".

Segundo explican nun comunicado, para a edición de 2022, que levará o lema de 'Sementade Pensamentos', escolleron para a realización do seu manifesto a escritora Beatriz Maceda. Na declaración, titulada 'Pensar(te) libre', a autora sinala no texto que "a forza que atopamos en Rosalía de Castro" sitúase en "recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua".

Polo tanto demanda que "abracemos, entón, a desorde das ideas e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes".

Actos promovidos pola AELG na Galiza

Alén do acto central, que terá lugar ás 12 horas do sábado 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro. En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG.

Desde a entidade aconsellan, coa intención de expandir o poder da palabra rosaliana entre a xente nova, conmemorar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con accións colectivas de difusión da súa obra. 

Colaboración dos concellos galegos

A AELG lembra que "ao longo destes 11 anos propuxemos a presentación de mocións para ser aprobadas polos plenos dos concellos do país". Neste período obtiveron unha resposta afirmativa nos municipios da Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Cambre, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Para este 2022 a proposta da AELG para os plenos municipais galegos consiste en declarar, ou celebrar se xa foi declarado, o 23 de febreiro, Día de Rosalía, no concello. Ademais, demandan que se emprenda e apoie a realización de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen o conxunto das veciñas e dos veciños do municipio coincidindo con ese mesmo día. 

Por último, propoñen realizar unha lectura pública dalgúns textos representativos da obra rosaliana nun lugar destacado de cada concello na que o alumnado dos centros escolares da localidade e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista. 

Alén diso, desde a AELG convidan os centros a agasallar publicacións de autoras e autores en lingua galega, comprados se é posíbel en librarías situadas no propio concello, ao alumnado daqueles centros de ensino do país que fagan actividades de celebración desta xornada conmemorativa.

Comentarios