O paseo e o deambular convértense en protagonistas no Museo Gaiás

'Camiños creativos': arte para explorar a creación a través do movemento

Unha visitante da exposición 'Camiños creativos'.
Por algunha razón, a reivindicación do paseo está máis viva que nunca. Multiplícanse os libros, exposicións e películas que defenden as bondades, para o corpo e para a mente, da camiñada, do deambular. Autores como Thoreau, Baudelaire, Walter Benjamin, Guy Debord ou Rebecca Solnit mantiveron que pasear é unha forma de pensar. 
 

Thoreau sostiña que as camiñadas constitúen un elemento esencial para manter unha relación saudábel cun mesmo e coa natureza. Baudelaire, teórico da figura do flâneur, falaba dun modo de habitar as cidades: un "dandismo perplexo" que fose recollendo detalles, pegadas, suxestións, analoxías e contrastes. Walter Benjamin reflexiona sobre o andar na súa obra e propón que a súa falta de propósito transforma esta acción na medida da liberdade. 

Agora, o Museo Gaiás (Santiago) presenta unha exposición que pretende afondar na relación entre arte e movemento, incidindo en como o desprazamento a pé se integra como un axente determinante do proceso creador. 

Comisariada pola compostelá Monserrat Pis Marcos, conservadora e comisaria en The Holburne Museum (Bath, Reino Unido), Camiños creativos exhibe obras dun variado abano de creadoras que van desde Camille Corot, J. M. W. Turner, Gustave Courbet ou John Constable até contemporáneos como Mona Hatoum, Marina Abramović ou David Hockney. 

A exposición divídese en catro seccións: “Desprazarse para crear” mostra obras que precisaron do desprazamento dos seus creadores para poder existir; “Desprazamentos creativos” exhibe a acción de camiñar como unha parte constituínte da propia obra; “Arte en marcha” está dedicada a obras que se moven; e “Mover o público”está dedicada a obras que obrigan as persoas espectadoras a desprazarse para poder experimentalas na súa totalidade.

 

 

Eloxio da inutilidade 

A relación do público con estas obras varía moito segundo a súa natureza, mais o que teñen todas en común é que invitan ao paseo, ben por emulación, ben por esixencia da experiencia estética da propia obra. Arte e paseo teñen en común ser actividades inútiles, no mellor sentido da palabra, isto é, sen ningún propósito utilitario. 

Iso non quere dicir que a arte e o paseo non reporten beneficios: o situacionista Guy Debord cualificou a "deriva" dos surrealistas como "unha técnica de tránsito fugaz a través de ambientes cambiantes", definición que ben pode aplicarse tanto ao deambular polas rúas da cidade ou polas vereas da natureza como ao itinerario da persoa que circula por unha sala de exposicións. O paseo e a arte convértense en viaxe polos recantos máis íntimos da persoa que camiña que, ao tempo, se transforma nun ser permeábel e aberto. 

En todo caso, se se quere coñecer, debemos entrar en lugares onde non fomos invitados a entrar, seguir camiños e carreiros ocultos (ou ocultados) aos ollos da comunidade, atopar entradas a espazos prohibidos e forzar determinadas portas. Camiñar, ver, pensar son as chaves que poden abrilas. O folleto da sala advirte: "Non existen planos de sala. Está permitido perderse".