CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Cafe Society

A última fita de Allen pasa o test do noso crítico de cabeceira. 

cafesociety1
photo_camera Un fotograma do filme

CAFÉ SOCIETY

(EUA 2016, 96 min.)

Dirección e guión: Woody Allen

Fotografía: Vittorio Storaro

Elenco: Jesse Eisenberg, Kristen Stewart, Steve Carell, Blake Lively, Corey Stoll, Parker Posey, Sheryl Lee, Jeannie Berlin, Ken Scott, Anna Camp, Don Stark, Tony Sirico

SINOPSE

Bobby, un xoven que nunca saíu do Bronx, viaxa a Hollywood para pasar un días co seu tío Phil Stern, un poderoso axente das estrelas, e así ampliar mundo. Vonnie, secretaria persoal do tío Phil, tratará de integrar a Bobby no mundiño. No proceso xurdirá algo máis que amizade.

CRÍTICA

O xa octoxenario Woody Allen continúa fiel a súa cita anual co cinema. Este ano presenta Café Society, unha traxicomedia romántica que nos transporta á época dourada de Hollywood, concretamente a mediados dos anos 30. Repite Jesse Eisenberg (A Roma con amor) como alter ego de Woody Allen sobre o que proxectar as súas obsesións, inquedanzas e hipocondrias. Interpreta a Bobby, un xoven neoiorquino de familia humilde e irmán buscabullas, que muda a Hollywood para ver ao seu tío Phil, un poderoso magnate á fronte dunha prestixiosa axencia de representación de actores. Tras un complicado período de adaptación, Phil decide prestarlle a súa secretaria persoal Vonnie para que lle faga de cicerone nun percorrido polo “mapa das estrelas”. Pronto xorde a chispa entre ambos e a bonita amizade inicial deriva nun romance do máis xenuíno. Mais hai un problema: Vonnie ten mozo... ou iso di ela. Unha rapaza tan atractiva cun namorado que está sempre de viaxe. Algo non cadra, así que... invención? estratexia? Ao bo de Bobby iso dálle completamente igual mentres poida estar perto de Vonnie. Con esta premisa Allen constrúe un honesto filme de estrutura novelesca no que se autoatribúe o rol de narrador omnipresente, cousa que non facía desde Días de radio (1987). Por suposto adereza o conxunto coas pinceladas habituais dese humor mordaz marca da casa no que non podían faltar os seus temas favoritos: brincadeiras sobre a relixión xudía, sobre o oficio de escritor e, como non, sobre as relaciones de parella.

Na primeira metade da historia inxecta certa estrutura de comedia de enredo coas que logra sustentar e manter o interese dun filme que decae estrepitosamente na segunda. Unha segunda parte na que desenrola unha embrollo de subtramas cruzadas apenas bosquexadas de forma aleatoria: hai axustes de contas ao estilo Scorsese, obsesións hitchcockianas, alta sociedade que afoga as súas vaidades nun clube nocturno (que da nome ao filme) e, por suposto, música jazz. Algo así como quen conta unha historia ás presas esquecéndose dos detalles máis importantes. Mágoa. Con esta xa van tres coas que Kristen Stewart repite en pantalla con Eisenberg. As outras foran Adventureland (2009, Greg Mottola) e American Ultra (2015, Nima Nourizadeh). Completan o elenco o cómico Steve Carell (Foxcatcher), a solvente Parker Posey (Irrational Man) e a xovial Blake Lively (O segredo de Adaline). Stewart é do máis destacado do filme xunto, sen dúbida, á impresionante fotografía do gran Vittorio Storaro (Apocalypse Now, O último emperador). Un luxo que fai gañar moitos enteiros a un filme descompensado e menor dentro da filmografía do director neoiorquino. Claro que, todo sexa dito, o listón que se lle soe poñer a Woody Allen é moi alto así que “menor” para el soe ser “maiúsculo” para a meirande parte dos mortais. O ano que ven tócalle viaxar ao Nova Iorque dos anos 50 da man de Kate Winslet e Justin Timberlake. A ver...

Comentarios