Caamaño&Ameixeiras, a memoria histórica en Ferrol e a flora galega protagonizan o 'Sermos Galiza'

Podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 1 de marzo, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 2 de marzo un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. O dúo Caamaño&Ameixeiras é protagonista pola extensa entrevista que lles fai o xornalista Rafa Ruíz-Matas co gallo da presentación do seu novo traballo, Quitar o aire.Estas dúas músicas regresan acompañadas dos seus instrumentos cun disco moi persoal que fala de erotismo e tradición, desde a admiración polo patrimonio antropolóxico galego.

"Compoñemos todo conxuntamente, arranxamos todo conxuntamente e discutimos cada nota, cada acorde. Todo é conxunto. Isto é algo que formou parte de nós desde a xénese do proxecto e queremos que continúe así. Cremos que é a base da creación da nosa linguaxe persoal e, como temos a sorte de entendernos moi ben xeralmente, o que lle parece ben a unha tamén lle parece ben á outra. Hai pouca discusión", sinala Sabela Caamaño nesta conversa da que tamén participa a súa compañeira Antía Ameixeiras.

Honrar a memoria en Ferrolterra, Eume e Ortegal

A primeira reportaxe deste Sermos corre a conta de Iago Varela, que fala da memoria histórica nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal partindo do Memorial que recolle a lista das vítimas mortais do franquismo na cidade de Ferrol. Son os nomes das 904 vítimas da barbarie entre os anos 1936 e 1975 cuxos casos puideron ser contrastados en fontes documentais. A inauguración do monumento supón un fito importante para a Comisión Pro Memorial, tras perto de sete anos loitando polo cumprimento do acordo para a súa construción, destaca Varela.

"O réxime comezou matando nas rúas da cidade e nas vilas das bisbarra, e rematou do mesmo modo corenta anos despois, disparando impunemente sobre os fillos das clases traballadoras", apunta o historiador Xosé Manuel Suárez. Suárez, xunto ao tamén historiador Bernardo Máiz, son as persoas que conseguiron documentar as 904 vítimas identificadas.

Flora galega: descubrindo as plantas da Galiza

A variada flora da Galiza está mudando constantemente. Hoxe, algunhas plantas autóctonas como a xesta de Ons ou a santolina de Melide atópanse en perigo de extinción, mentres que especies estranxeiras chegan ao país espallándose até o punto de que as cremos propias, como as mimosas. Outras actúan aquí como invasoras, como é o caso dos trebiños. O botánico Xosé Ramón García achega a maioría das plantas que existen na Galiza, con 1.715 taxons e 1.493 fotografías, nunha nova edición, corrixida e aumentada con 330 especies máis que as anteriores, da Guía das plantas de Galicia (Xerais, 2023). Sobre isto escribe na segunda reportaxe a xornalista Sara Pardo.

Nos tres lustros que decorreron entre a primeira edición da guía de García até a publicación desta quinta, a situación da flora galega mudou. Na actualidade algunhas especies autóctonas da Galiza, atópanse en perigo de extinción, correndo o risco de desaparecer. Este é o caso da Cytisus insularis coñecida como xesta de Ons, unha especie que só está rexistrada en poboacións moi reducidas das illas de Ons, Sálvora e Vionta, e é considerada como en perigo de extinción.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Jane Eyre, de Charlote Brönte e traducida por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné, 2023), e Xaora, de Ana Moreiras (Aira Editorial, 2023).

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Cantometrics, do grupo homónimo (Autoedición, 2023), e achegamos tamén outras novidades. Pola súa parte, Guillerme Ignacio Costa fálanos da recollida da tradición oral no artigo 'E que facemos coas recollas?'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme A viaxe de Lucy (Ruth Chao, 2022, Galiza), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Sole Felloza asina na sección de Patrimonio Oral o artigo titulado 'A mulata da muleta'. Aliás, Lázaro Armental fala dos aseos no apartado de Arquitectura, e Pepe Barro analiza o 'Falar aos ollos' en Deseño.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 1 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios