Música

Boyanka Kostova: "Entro en cólera no próximo concerto en que alguén me fale de Alexandre Bóveda"

O grupo Boyanka Kostova publicou unha canción na rede social Instagram en que ataca outro grupo, Sondarúa; fan brincadeira coas seguidoras deste grupo "guerrilleiras", e amósanse críticos contra as mensaxes reivindicativas da música galega.
Sondarúa e Boyanka Kostova (Foto: Sondarúa / Boyanka Kostova).
photo_camera Sondarúa e Boyanka Kostova (Foto: Sondarúa / Boyanka Kostova).

Que é un beef? Haberá quen se pregunte... No mundo rap, utilízase o termo inglés beef para denominar unha disputa entre dous rapeiros ou grupos de rap que se dá a través de cancións en que se fan ataques de diversa índole con rimas cara ao outro rapeiro. Algo moi común principalmente na música rap dos Estados Unidos.

No caso da música rap na Galiza, a pesar de que a escena ten medrado considerabelmente nos últimos anos, non existiu un beef claro entre grupos ou rapeiros. Mais iso mudou hai uns días... Eis o contexto:

Un dos principais grupos de rap en galego, Sondarúa, desde Ponteareas, comezaron a súa camiñada no mundo do xénero en 2016 e rapidamente lograron estabelecerse como unha das bandas punteiras do Hip-Hop en galego. Coas súas letras reivindicativas e con cancións xa históricas como En galego NON mola, Liberando mentes ou Estilo combativo convertéronse en referenciais para a escena.

O pasado 14 de abril, após sete anos desde o seu nacemento, Hugo Guezeta, Álex Arnoso e ThatBass Dj, os tres integrantes de Sondarúa, deron o que sería o seu último concerto na compostelá sala Capitol. Unha despedida emotiva, chea de música e reivindicación coa que as fans do grupo ponteareán dixeron adeus a tres persoas que puxeron a banda sonora á música rap galeguista.

O ataque de Boyanka Kostova

Até aquí todo en orde. A polémica chegou o pasado día 15 abril, un día despois do último concerto de Sondarúa cando o grupo Boyanka Kostova, formado por Cibrán e Ortiga, decidiu ‘tirarlles beef’.

Boyanka Kostova pode englobarse no estilo do Hip-Hop e desde hai varios anos gañou gran notoriedade con temas que chegaron a ter centos de miles de reproduccións como Colacao, Diego Tristán ou Muinheira de interior.

Nunha canción publicada na rede social Instagram titulada Infeliche, Boyanka Kostova comezou un beef que para quen coñecese a escena era unha especie de segredo a voces. Ao longo da canción, atacan Sondarúa con rimas como “facédesvos chamar rapeiros, a verdade é que soa mellor que vós un peido” ou “podemos publicalo [supostas mensaxes privadas entre ambos os grupos], pero hai que ser elegante e non pegarlle aos retrasados”.

Na liña de atacar a música con letras reivindicativas, Boyanka Kostoka tamén cargou contra a simboloxía que representa Bóveda, ao apuntar: "Entro en cólera no próximo concerto en que alguén me fale de Alexandre Bóveda". Un comentario que espertou a meirande parte das críticas.

Como era de esperar, este beef publicado xusto un día despois da retirada oficial de Sondarúa non sentou de todo ben na música galega. De feito, a esmagadora maioría dos comentarios publicados na canción móstrase en contra da publicación do propio tema.

As críticas

Entre as principais críticas que recibe Boyanka Kostova é que ao longo de Infeliche, afean a Sondarúa que “sodes aspirantes a Che Guevara porque sabedes que en Galicia hai un circuíto que vos ampara”. Os críticos de Boyanka Kostova aseguran que este ataque, ademais de infundado, é “hipócrita” xa que o de Ortiga e Cibrán é un dos poucos grupos en galego que aparece de maneira máis ou menos habitual en programas da TVG e que toca en festivais como o Son do Camiño, sufragado con diñeiro público da Xunta da Galiza e no cal a música en galego e a presenza de mulleres é residual.

Xa sexa por gañar notoriedade ou por non poder resistirse a atacar a Sondarúa, entre quen está metido no panorama da música rap en galego, “non se fala doutra cousa” que diría aquel. Queda por ver se Sondarúa vai responder aínda despois de anunciar a súa retirada, o que si se sabe é que sexa como for, quedou ‘inaugurado’ o mundos dos beef en lingua galega.

Ortiga: "Sempre tiven claro que o modelo de música en galego era unha merda"

Non é a primeira vez que Ortiga, que opta maioritariamente polo castelán no seu proxecto musical individual, protagoniza unha polémica. Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia en 2021, puxo de manifesto que "sempre tiven bastante claro que o modelo de música en galego era unha merda". Engadía, "porque eran todo bandas que imitaban" grupos como "Los Chikos del Maíz, Soziedad Alkoholika e cousas así, cunha liña ideolóxica e musical moi marcada, na que o galego se utilizaba como reivindicación pero tamén como arma arrojadiza".

O músico acrecentaba: "Parecía que se falabas en galego pero non che molaban esas bandas eras un herexe". "E eu, a verdade, non comparto en absoluto o gusto por ese tipo de grupos. Eu con Esteban & Manuel, con Boyanka ou con Ortiga sempre tiven a mentalidade de dicir 'se facemos musicón, á xente vaille dar igual que sexa en galego, en italiano ou en español. Van a vir en masa aos nosos bolos'.

Nesta conversa, o membro de Boyanka Kostova puña como exemplo Baiuca, "o pavo saca discos que son a hostia, en galego, e non di nada. E gústache porque é en galego? Non. Gústache porque é a hostia". Continúa sinalando que "até agora co tema do idioma había un pouco de absurdo paternalismo. Ah! Tes unha banda en galego? Pois xa che axudo. Non, meu. Se tes unha banda guapa tiramos por ela, sexa en galego, en portugués ou no que sexa". "Durante moitos anos parecía que tiñas que tirar obrigatoriamente por ese rego para que a túa música fose lexítima. Pois non. Eu fago música, non lle dou a chapa a ninguén e a peña vén en hordas verme. Galegofalantes, castelanfalantes, andaluzfalantes e de todo tipo. E creo que grupos como Verto, Baiuca, Grande Amore ou Tanxugueiras triunfan porque molan, non porque canten en galego, conclúe.

Comentarios