Amega celebra con Ortiga e Grande Amore o Día dos Medios en Galego

'Nós Diario' é un dos medios que integran a Amega.
Ortiga e Grande Amore, no cartel da Amega.
photo_camera Ortiga e Grande Amore, no cartel da Amega.

O próximo 7 de febreiro, como cada ano desde 2018, a Galiza conmemora o Día dos Medios en Galego, unha data que rende homenaxe á publicación xornalística escrita integramente na lingua propia do país, O tío Marcos d'A Portela, editada por vez primeira por Valentín Lamas Carvajal en 1876, en Ourense.

Un lustro despois de porse en marcha esta iniciativa, a comunidade de prensa en galego segue a medrar e somos xa máis de 130 os medios que o utilizamos nas informacións do día a día, entre eles este mesmo xornal.

"130 medios polos que en cada rolda de prensa, en cada boletín informativo, en cada noticia, reportaxe, entrevista, infografía… a lingua e a ollada galega están presentes. Nas ondas, na rede e no papel. 130 medios que dignificamos, facendo máis útil, a nosa lingua", celebra a Asociación de Medios en Galego (Amega), entidade da que fai parte Nós Diario.

Día dos Medios en Galego.
Día dos Medios en Galego.

Co obxectivo de "seguir movendo a nosa lingua" e de "catapultala entre a nosa mocidade", a Amega organiza unha xornada festiva con dúas das referencias máis relevantes do panorama musical do país: Grande Amore e Ortiga.

Ambos os artistas protagonizarán a quinta feira 9 de febreiro, ás 20.30 horas, un pequeno festival de música galega contemporánea, coa colaboración do Concello de Santiago e a secretaría xeral de Política Lingüística. Será na sala Capitol, de balde, malia que é preciso retirar unha invitación previamente —dispoñíbel a partir desta quinta feira, día 2, ás 12 horas—.

Previamente, os medios integrantes de Amega celebraremos o Día dos Medios en Galego o propio 7 de febreiro, cunha rolda de prensa de presentación no pazo de San Roque de Compostela, coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o artista Ortiga.

Comentarios