Ortiga e Grande Amore poñen o ramo ao Día dos Medios en Galego

A compostelá sala Capitol acolleu o festival.
A sala Capitol ateigada esta esta quinta feira (Foto: Arxina).
photo_camera A sala Capitol ateigada esta esta quinta feira (Foto: Arxina).

A compostelá sala Capitol foi o escenario esta quinta feira dun festival de música galega contemporánea  organizado pola Asociación de Medios en Galego (Amega), da que tamén forma parte Nós Diario, e que serviu como finalización dos actos de celebración do Día dos Medios en Galego, que decorreu a pasada terza feira día 7 de febreiro.

Os artistas encargados de lle dar o toque musical ás celebracións foron dous dos artistas máis importantes da música galega contemporánea, Grande Amore e Ortiga que encheron a sala Capitol de música nun festival para o que se esgotaron as entradas e que reuniu 800 persoas. De acordo coa Amega, o obxectivo deste pequeno festival era o de "seguir movendo a nosa lingua" e de "catapultala entre a nosa mocidade".

Grande Amore manifestou que, ao seu parecer, é "momento de ser optimista, porque creo que hai efervescencia creativa na nosa lingua". Ademais incidiu en que "cantar en galego xera prestixio.

Pola súa parte, o artista Ortiga sinalou que para el "é súper imporante reivindicar a lingua galega, pero non facelo con condescendencia".

VI edición

A da pasada terza feira supuxo a VI edición do Día dos Medios en Galego, unha data que non foi escollida por casualidade. Ese día réndese unha homenaxe á publicación xornalística escrita integramente na lingua propia do país, O tío Marcos d'A Portela, editada por vez primeira por Valentín Lamas Carvajal en 1876, na cidade de Ourense.

Máis dun lustro despois de pórse en marcha esta iniciativa, a comunidade de prensa en galego continúa a medrar e son xa máis de 130 os medios que o utilizan nas informacións do día a día, entre eles este mesmo xornal.

"130 medios polos que en cada rolda de prensa, en cada boletín informativo, en cada noticia, reportaxe, entrevista, infografía… a lingua e a ollada galega están presentes. Nas ondas, na rede e no papel. 130 medios que dignificamos, facendo máis útil, a nosa lingua", celebra a Asociación de Medios en Galego.

Comentarios