O BNG insta a recuperar e musealizar a casa na que viviu Rosalía de Castro na Coruña

A concelleira do BNG Mercedes Queixas vén de rexistrar unha batería de preguntas por escrito por medio das cales insta o Goberno Local a que cumpra a moción aprobada no Pleno de 2021 e promova a rehabilitación e musealización da casa coruñesa -no número 3 da Rúa do Príncipe- na que morou Rosalía de Castro entre os anos 1871 e 1874.
Casa de Rosalía de Castro na Coruña
photo_camera Casa de Rosalía de Castro na Coruña

A Coruña deixou unha forte pegada na obra de Rosalía e desde logo a nosa gran poeta nacional deixou unha forte pegada na nosa cidade”, afirmou onte a concelleira do BNG Mercedes Queixas, quen, a seguir, criticou o Goberno local coruñés por non ter celebrado de ningunha maneira o recente 187 aniversario, o pasado 23 febreiro, do nacemento autora de Cantares Gallegos: "Infelizmente, na política cultural do Concello non se ten en conta o legado rosaliano".

En decembro de 2021 foi aprobada no pleno do Concello, por unanimidade, unha moción pola que se instaba o Goberno local da Coruña a chegar un acordo con Abanca, a actual propietaria da casa coruñesa na que residiu Rosalía, para que se lle cedese ao Concello, con vistas a rehabilitar o espazo, musealizalo e abrilo ao público.

“Máis de dous anos despois, nada se ten feito”, advertiu Queixas. “Instamos o Goberno local a que dea pasos para materializar o acordo e dotar a cidade dun espazo para o enaltecemento e recoñecemento da figura de Rosalía na Coruña”.

En estado de deterioración

Nestes momentos, a casa -que durante a época en que pertencía a Caixa Galicia estivo a piques de ser cedida á Real Academia Galega- non está aberta ao público e atópase nun estado de seria deterioración.

“Non é posíbel que o Concello fique de brazos cruzados. Debe estabelecer conversas inmediatas con Abanca e, ao tempo, xestionar o apoio doutras administracións públicas -nomeadamente a Xunta da Galiza e a Deputación- para a materialización do proxecto de rehabilitación, musealización e apertura ao público”, demandou a concelleira nacionalista.  

Comentarios