Bibiana Candia aborda en 'Azucre' o negocio de escravos galegos no século XIX

A editorial Kalandraka publicou neste mes de decembro a tradución ao galego de 'Azucre', da autora Bibiana Candia e con ilustracións exclusivas de Xosé Cobas. Azucre é o relato novelado da auténtica e cruenta historia de mil setecentos mozos que viaxaron a Cuba para traballar e remataron vendidos como escravos pola empresa de Urbano Feixoo de Soutomaior, un galego afincado na illa que, aproveitando a situación de necesidade dos galegos emigrados, promoveu unha campaña de colonización branca e substitución da man de obra africana.
Bibiana Candia e Xosé Cobas, autora e ilustrador de 'Azucre', libro publicado pola editorial Kalandraka (Foto: Kalandraka).
photo_camera Bibiana Candia e Xosé Cobas, autora e ilustrador de 'Azucre', libro publicado pola editorial Kalandraka. (Foto: Kalandraka)

En 1853, un dos invernos máis chuviosos da historia da Galiza esnaquiza as colleitas e unha epidemia de cólera comeza a afectar gravemente a poboación. Mozos que devecen por un futuro mellor para eles e as súas familias abandonan os seus fogares e parten rumbo a Cuba para gañar a vida nas plantacións de cana de azucre. Pero esa viaxe tenlles reservado un suplicio que nunca serían quen de imaxinar. 

A editorial Kalandraka publicou neste mes de decembro a tradución ao galego de Azucre, da autora Bibiana Candia e con ilustracións exclusivas de Xosé Cobas. Azucre é o relato novelado da auténtica e cruenta historia de mil setecentos mozos que viaxaron a Cuba para traballar e remataron vendidos como escravos pola empresa de Urbano Feixoo de Soutomaior, un galego afincado na illa que, aproveitando a situación de necesidade dos galegos emigrados, promoveu unha campaña de colonización branca e substitución da man de obra africana.

As páxinas de Candia compleméntanse nesta edición galega cunhas ilustracións coas que Cobas busca achegar tamén unha "lectura gráfica" da historia, "sen perder o punto de vista poético que ten o texto pero sen redundar", declarou o ilustrador a Nós Diario, e seguindo "a narrativa da historia a través da luz das imaxes".

O catedrático de Historia Económica das Institucións da Universidade da Coruña e autor de importantes monografías sobre a trata de escravos na Galiza, Luís Alonso Álvarez, ten escrito que “na Galiza foron destruídas practicamente todas as fontes públicas que podían ter achegado información directa sobre a trata”. Tanto é así que a propia Candia sinala que o único “testemuño auténtico” que deixaron os seus protagonistas, cartas que enviaron desde Cuba pedindo auxilio, están no arquivo do Congreso dos Deputados e baixo acceso restrinxido.

Indica tamén a autora que, desde o 31 de marzo de 2021, están custodiados no Arquivo da Emigración Galega unha serie de documentos, doados polo hispanista Luis Tomás González del Valle Río, que demostran a implicación directa de Urbano Feixoo de Soutomaior nesta “empresa fraudulenta e criminal”, con diversas expedicións arredor de 1854 que fixaron para os galegos unhas condicións laborais que non asumiron os africanos.

Feixoo, que fora deputado no Congreso por Ourense, foi o ideólogo da "Compañía Patriótica Mercantil", un proxecto que tiña os obxectivos de "socorrer os desgraciados galegos" e "contribuír á agricultura e aumento da poboación branca" de Cuba. Entre marzo e agosto de 1854, transportou un total de 1.744 traballadores galegos. Cada un destes obreiros debería, segundo Feixoo, "facer o mesmo traballo que dous negros ao prezo que custa un escravo".

Moitos deles faleceron nos primeiros meses, os que protestaron acabaron apresados e poucos conseguiron fuxir. Co fracaso e a disolución da empresa, Urbano Feixoo regresa para ocupar a súa cadeira de deputado no Congreso e os galegos que sobreviviron ficaron sen dereito a reclamación. As cartas que Candia cita no seu libro serviron para sacar á luz a realidade da escravitude encuberta á que foron sometidos os emigrantes galegos.

Urbano Feixoo de Soutomaior non foi o único negreiro galego

Feixoo de Soutomaior non foi o único empresario galego con compañías negreiras en ultramar. Alonso Álvarez certificou 77 expedicións desde o porto da Coruña para mercar negros, un negocio que tivo o seu auxe na Galiza entre 1816 e 1820, logo de o Reino Unido prohibir a trata. Daquela, as mesmas compañías que lideraron a trata de persoas negras pasaron a comerciar con emigrantes galegos.

Álvarez documentou tamén que 32 comerciantes da Coruña declararon tratar con "madeira de ébano africano" —referíanse así aos escravos negros—. Entre eses 32 burgueses estaba Juan Francisco Barrié, bisavó do coñecido Pedro Barrié de la Maza e iniciador dunha actividade empresarial representada no imaxinario común polo Banco Pastor, Fenosa e os seus negocios co ditador Francisco Franco.

Comentarios