Benito Vicetto será nomeado fillo predilecto da cidade de Ferrol

Gravado de Vicetto tirado da revista 'La Ilustración Gallega y Asturiana', dun número de 1878 editado coincidindo coa morte do historiador.
Ferrol acordou esta segunda feira declarar a Benito Vicetto como fillo predilecto da cidade, tras reconverter unha moción presentada polo BNG nunha declaración institucional que foi aprobada por unanimidade.

O pleno de Ferrol acordou esta segunda feira declarar a Benito Vicetto como fillo predilecto da cidade, tras reconverter unha moción presentada polo BNG nunha declaración institucional que foi aprobada por unanimidade, na que valoran a importante contribución na recuperación da memoria histórica da Galiza como autor da que se pode considerar primeira Historia da Galiza e que foi, ademais, editada na propia cidade.

Con este iniciativa ponse en valor a figura de Benito Vicetto Pérez que foi un significado xornalista, historiador, dramaturgo e novelista ferrolán. Un prolífico autor que cultivou a novela, a poesía, o teatro e o ensaio ao longo dunha abundante obra de entre a que é máis que salientábel a súa faceta como historiador e o seu afán por escribir a historia máis completa daGaliza.

Este proxecto vital rematou por converterse nunha voluminosa publicación en sete tomos, Historia de Galicia, editada na Imprenta Taxonera de Ferrol entre os anos 1865 e 1874, e constitúe unha das obras cumes do século XIX. Trátase dun traballo único polos moitos datos subministrados e os abundantes documentos antigos que incorpora, que moitas veces transcribe fielmente, feito que practicamente ninguén tiña feito con anterioridade.

É por isto que a figura de Vicetto, inxustamente tratada pola historiografía posterior, resulta fundamental para comprender o esforzo das primeiras xeracións de galegos e galegas por dotar a Galiza dun relato histórico propio. E en realidade, toda a súa obra, tamén a literaria e a xornalística, está impregnada desa idea, nun proxecto intelectual inmenso.

 

A Historia da Galiza con entidade propia

Neste 2024 e aproveitando o segundo centenario do seu nacemento, a Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrolterra Antiga iniciaron durante este mes de marzo unha xeira de mesas redondas e actividades nas que están a participar un abundante conxunto de expertos e expertas, tanto da obra do autor como do período histórico en que desenvolveu o seu traballo, co obxecto de reivindicar a súa figura e a súa obra.

Vicetto é o primeiro en reivindicar a necesidade de estudar unha historia da Galiza como entidade política propia. Coa súa obra, Vicetto quixo reivindicar, sobre todo, o dereito da Galiza a construír o seu propio relato histórico sen dependencias de intereses alleos. E agora que desde numerosas institucións se está a traballar na recuperación da historia do Reino Medieval de Galiza, é importante lembrar a este ferrolán como o primeiro en sinalar a súa transcendencia no decorrer da historia europea.

Constantemente atacado polos medios eclesiásticos máis conservadores polas súas ideas republicanas e anticlericais, Vicetto atopou enormes dificultades para rematar de publicar a súa Historia de Galicia, até o punto de ser prohibida. Tivo que agardar á revolución de setembro de 1868, coa súa defensa do libre pensamento, para obter a anulación desta prohibición e a oportunidade para que os sete tomos que a compoñen visen a luz entre os anos 1865 e 1873 dando a coñecer a importancia histórica e política de Galiza.

Así ademais de nomear a Vicetto como fillo predilecto da cidade a corporación municipal comprometeuse á restauración do busto de Benito Vicetto instalado no denominado Parque Raíña Sofía. A colocación dunha nova placa, en substitución da actual, na Rúa Benito Vicetto, en Ferrol Vello, adaptada á legalidade vixente e acompañada dunha pequena información sobre a súa persoa e obra. A realizar durante o mes de maio unha exposición na biblioteca municipal cos fondos bibliográficos do autor existentes na mesma e a revisión do estado da súa tumba no cemiterio de Catabois e a realización dunha ofrenda floral, coincidindo coa data do seu nacemento.