Belén Carril, fagotista: “Durante a pandemia botei moito de menos o poder tocar con outras persoas de xeito conxunto”

Belén Carril Miguéns é unha fagotista de Padrón que ven de recibir o segundo premio no concurso internacional Medici International Music Competition (MIMC) na categoría de fagot ‘Master’. Belén leva desde pequena no mundo da música. Aprendeu primeiro solfexo e despois proseguiu os seus estudos no conservatorio profesional. Para ela, a música é un alicerce fundamental na súa vida. 
 
Belén Carril estuda no conservatorio superior de Vigo.
photo_camera Belén Carril estuda no conservatorio superior de Vigo (Foto: Nós Diario)

Primeiro de todo, parabéns polo premio. Como foi a súa experiencia nesta competición?

Desde o conservatorio superior de Vigo, onde eu estudo, mandaron un correo electrónico avisándonos de que ía haber un certame internacional. Decidín presentarme para probar sorte. O concurso íase realizar de xeito presencial en Bélxica, mais debido á pandemia de coronavirus, o formato tivo que mudar, e pedíronme que mandase un vídeo meu co instrumento.

Mandei o vídeo e despois da primeira preselección escolléronme para a fase final. Finalmente, avisáronme de que quedara segunda dentro da miña categoría, dos 23 aos 24 anos. Estou moi contenta polo premio, a verdade é que non mo esperaba para nada.

Sabería dicir cando naceu o seu interese pola música? Cando deu vostede os primeiros pasos nese mundo?

Penso que comecei a estudar solfexo cando tiña seis ou sete anos. Se son sincera, todo comezou porque a miña nai meteume en solfexo despois de que un profesor viñese á escola de música de Padrón, a vila onde eu vivo, a falarnos sobre iso. A ela sempre lle gustou que fixese diferentes actividades, que me dedicase á música, á pintura... Así empecei. Logo claro que me foi gustando cada vez máis, e recoñezo que tiña unha certa facilidade, polo que miña nai decidiume meterme con nove ou dez anos no conservatorio profesional de Santiago de Compostela. 

É certo que nun principio, como só era unha nena, non entendía moi ben de que ía iso do conservatorio, mais logo xa fun entendendo e aprendendo. Tiven a sorte de ter un profesorado moi agradábel que axudou a que me fose gustando cada vez máis, e iso fixo que continuase até hoxe. O que máis me gusta é tocar nunha agrupación. Durante a pandemia, ao ter que estar na casa, botei moito de menos poder tocar con máis xente en conxunto.

Toca só o fagot ou tamén se dedica a interpretar pezas con outros instrumentos? Como levan a cabo a escolla do instrumento ou instrumentos?

Eu só me dedico a tocar o fagot. Por que o escollín? A verdade é que é unha historia bastante curiosa. Cando comecei no conservatorio, non sabía moi ben que instrumento quería ou debía escoller. Non tiña demasiada idea. Nun primeiro momento decidín intentalo co piano, aínda que seguía sen telo nada claro. O que pasou foi que, como o piano é un instrumento moi solicitado, houbo demasiadas peticións, e non conseguín entrar na selección de persoas para piano, aínda que acadei unha nota bastante alta, pero que non me deu para ocupar unha das prazas que se ofrecían. Entón, ao ter que elixir entre o resto de prazas de instrumentos que quedaban, decidín apostar polo fagot, aínda que quedaban bastantes prazas doutros instrumentos.

Gustaríalle dedicarse á música nun futuro, ou pensa nela máis ben como un pasatempo?  

Non, para min a música é o meu futuro. Quero dedicarme a isto. Rematei os estudos este ano no conservatorio superior, o ano que vén voume a Milán polo Erasmus e quero continuar tocando o fagot. A min o que de verdade me gustaría é chegar a ter un posto nunha orquestra ou agrupación profesional.

Pensa vostede que é importante que se apoie e se fomente o estudo e o coñecemento da música entre a xente máis nova?   

Si que o penso. Paréceme bastante importante que a xente nova estude sobre a música e sobre as artes en xeral porque espertan a creatividade das persoas e axudan a coñecer a moitas persoas e estar con grupos grandes de xente, co cal facilitan perder a timidez. A música vaite facendo pouco a pouco más extrovertida e faite desfrutar moito.

Comentarios